Publicador de contidos

Publicador de contidos

O home ferido nun tiroteo en Lugo recibe a alta e presenta denuncia na comisaría

O home ferido nun tiroteo en Lugo recibe a alta e presenta denuncia na comisaría

Segue en paradoiro descoñecido o suposto autor dos disparos, a pesar de estar "plenamente identificado", segundo os investigadores

Axentes de policía no lugar do tiroteo (Europa Press/Carlos Castro)
EFE 23/03/2026 10:52 Última actualización 23/03/2026 14:29

O home que o pasado mércores recibiu un impacto de bala nun perna no transcurso dunha liorta entre dous clans familiares na cidade de Lugo, na rúa Primavera, recibiu a alta nas últimas horas, mentres que o suposto autor do disparo aínda permanece en paradoiro descoñecido.

Segundo confirmaron a EFE fontes policiais, a vítima recibiu a alta este domingo tras varios días ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para recibir atención médica a causa da ferida de bala que tiña nunha perna.

Esas mesmas fontes confirmaron que axentes do Grupo de Delitos Violentos, que se fixeron cargo da investigación, xa lle tomaran declaración no propio hospital.

Ademais, tamén precisaron que a vítima presentou a correspondente denuncia polo sucedido.

Mentres, aínda que o suposto autor do disparo está “plenamente identificado”, segue aínda en paradoiro descoñecido. Por iso, a Policía Nacional ten activado un dispositivo de busca e mantén aberta a investigación.

Así mesmo, nos últimos días tamén se despregou un dispositivo especial de seguridade, tanto en Lugo como noutras localidades da provincia en que residen membros das dúas familias postas a mal, para evitar novos incidentes

Os veciños da rúa Primavera, onde tivo lugar o tiroteo, levan días sen ver os familiares do presunto autor dos disparos. El tamén está en paradoiro descoñecido. A policía trata de calmar os ánimos entre as dúas familias enfrontadas e pídelles que non o encubran. Algúns veciños din que pasaron medo.

 "Pasamos un pouco de medo", di unha rapaza, e outra muller conta que : "Eu vin cando desfacían o coche cun pau".

O home que recibiu o disparo xa está na casa. Ao parecer, acudiu á casa do presunto agresor porque este acosaba unha das súas fillas, menor de idade. O certo é que as desavinzas entre as dúas familias veñen de vello. Hai uns meses houbera outro tiroteo sen feridos e un incendio nesta casa do Ceao, e ambos casos están relacionados co tiroteo da semana pasada. Ata o de agora os enfrontamentos eran lonxe desta rúa, aquí os veciños din que a cousa sempre estivo tranquila.

 "Nunca vin tal cousa e levo moitos anos aqui"; asegura unha veciña, outra engade: "Foi unha sorpresa".

Nos últimos días a policía intensificou a vixilancia no barrio ante posibles represalias. A investigación segue aberta e o ferido xa presentou denuncia na comisaría. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade