Entrégase o presunto autor do tiroteo rexistrado en marzo en Lugo
Levaba fuxido desde o 18 de marzo, o día en que se produciu o incidente na rúa Primavera
Na liorta quedou ferido de bala o membro dun clan rival, co que levaba anos enfrontado
Axentes de policía no lugar do tiroteo (Arquivo/Europa Press/Carlos Castro)
A Policía Nacional anunciou este venres a detención de Noé, membro do clan dos Cortiñas de Lugo, presunto autor do tiroteo rexistrado o pasado mes de marzo na cidade de Lugo.
Na liorta multitudinaria enfrontáronse os integrantes de dous clans rivais. Un quedou ferido de bala.
Nas últimas horas, o presunto autor do tiroteo, un home de mediana idade, entregouse ás autoridades voluntariamente. Pasou á disposición xudicial contra as 12:30 deste venres. Agora, terá que declarar ante o xuíz, que decidirá se o envía a prisión ou se o deixa en liberdade.
Noé levaba fuxido da xustiza desde o 18 de marzo, o día que se produciu o incidente na rúa Primavera. Segundo os investigadores, disparou unha arma de fogo que feriu nunha perna a Matías, integrante do clan dos Bentos. Este tivo que ser intervido no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e pasou varios días ingresado.
A Policía Nacional, polo momento, non deu máis detalles sobre a súa detención.