Cómpre protexer a pel e a vista ante os picos de radiación solar extrema
Para evitar danos, nas horas centrais do día débese aplicar un SFP alto cada dúas horas e usar lentes de sol homologadas
O índice de radiación ultravioleta disparouse nesta xornada, con valores entre altos e extremos, en boa parte do país, dende as doce da mañá ata as cinco da tarde. Para evitar danos na pel, cómpre cubrir o corpo e maila cabeza e empregar un factor de protección solar de nivel 30 ou superior. A crema debe aplicarse media hora antes de expoñerse ao sol, e renovala cada dúas horas ou despois de bañarse.
"Encontrámonos con que a xente se queima con moita frecuencia. E iso non é só o dano que se produce no momento, senón o dano celular producido, co risco de cancro de pel, e hai moita incidencia deste tipo de cancro", advirte a farmacéutica Ana Gómez.
A radiación solar tamén pode provocar danos oculares. Para evitalos, débense usar lentes de sol homologadas cun cento por cento de protección contra os raios ultravioleta. E tanto para conducir como para estar á beira do mar ou do río, onde se reflicte a luz con forza, o máis idóneo son as lentes polarizadas.
"O ideal sería unha lente de sol co cristal totalmente escuro, para que axude a protexer nestes días. Tamén axuda levar un sombreiro de ala ancha para protexer a vista, e se imos á praia ou ao río, usar unhas lentes de sol polarizadas", sinala a óptica Lourdes Rivas.
Cómpre ademais buscar a sombra das árbores e extremar as precaucións cos pequenos e coas persoas maiores ou de pel moi clara. E nunca deben estar expostos ao sol directo os bebés de menos de seis meses.