Condenan a 23 anos de cárcere o mozo que asasinou a seu pai cunha machada en Muros
A sentenza establece, conforme ao veredicto do xurado, que se trata dun delito consumado de asasinato e que o autor era plenamente consciente dos seus actos
A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto ditado polo Tribunal do Xurado, condenou a 23 anos de cárcere o home que asasinou a seu pai na vivenda que compartían no municipio coruñés de Muros en abril do 2023.
O Tribunal Xurado entendeu probado que, co propósito de acabar coa súa vida, lle propinou cunha machada repetidos e fortes golpes na cabeza.
Na sentenza, informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o maxistrado presidente subliña que, no momento de cometer os actos, non padecía ningunha alteración nas súas facultades de entendemento e vontade e era, por tanto, plenamente consciente. Ademais, sinala que a relación entre a vítima e o seu fillo estaba deteriorada e era deficiente.
"A posible intervención de terceiras persoas non identificadas, que foi a explicación do sucedido facilitada nun primeiro momento polo acusado, que accederían ao interior da vivenda para agredir o seu pai e causarlle a morte, foi, tras a investigación practicada, descartada polos funcionarios policiais que a levaron a cabo, tal e como explicaron os xurados na acta de votación", destaca o maxistrado na sentenza.
Desta forma, explica na sentenza que o Xurado declarou probada a concorrencia de aleivosía súbita ou inopinada, chamada tamén sorpresiva, pois a vítima careceu de posibilidade de defensa. Esa circunstancia especifica determina a cualificación do homicidio en asasinato.
O maxistrado destaca a abundante proba de testemuños, pericial e técnico-ocular, practicada, a cal descarta a intervención de terceiras persoas, a existencia de forcexo previo ou que o procesado sufrise unha alteración grave das facultades no momento dos feitos.
Agravantes
Tamén resalta a existencia de dolo homicida, de aleivosía e da agravante de parentesco. En consecuencia, condena o acusado como autor dun delito consumado de asasinato e, ademais da pena de 23 anos de prisión, imponlle cinco anos de liberdade vixiada e o pago de 80.000 euros á nai da vítima.
A Audiencia Provincial acorda, unha vez sexa firme a resolución, de conformidade co establecido no Código Civil, a desherdanza do acusado por estar incurso en causa de indignidade para suceder a seu pai.