A nai de Yoel Quispe di estar aliviada cos 20 anos de cadea para os dous asasinos
Asegura que aínda lle quedan folgos para recorrer a absolución do terceiro procesado
"Máis ailivio, máis tranquila. Pero a miña vida xa non é igual. Eles van saír do cárcere e estarán cos seus, pero o meu fillo xa non vai estar comigo", explica Maritza Gomessosa, a nai de Yoel Quispe.
Con todo, Maritza di estar satisfeita porque os dous mozos acusados de asasinar o seu fillo foron condenados por asasinato. Di que foi un proceso moi longo e moi doloroso, malia que sempre confiou en que se faría xustiza.
"Desde o primeiro momento confiei na fiscala. Só acusaba a un por homicidio. Eu non estaba de acordo. Sempre dixen que fora un asasinato. Eran nove contra un e sempre dixen que fora un asasinato", explica Gomessosa.
O maxistrado que levou o caso impúxolle unha pena de 20 anos de cadea a José Luis Franco, o autor material da coitelada mortal, e outros tantos a Yared Gestal en calidade de cooperador necesario. Ao terceiro mozo investigado polo asasinato de Yoel Quispe xa o absolvera, por falta de probas, antes de que o xurado popular se retirase a deliberar.
"Aínda hai moito por loitar. Falta o terceiro, que imos recorrer, porque é cómplice, porque estivo antes e despois. Aínda falta moito por pelexar".
Malia todo, asegura que aínda lle quedan folgos...
"Aínda que pasa o tempo, cada vez é peor. Fun pai e nai para o meu fillo. O único que quería era xustiza para o meu fillo. Estou máis aliviada. A loita pagou a pena", conclúe Maritza.