Culpables de asasinato o autor da coitelada mortal a Yoel Quispe e o que lle deu a navalla
Veredicto unánime sobre o autor confeso e dictame por maioría no caso do cómplice
As acusacións piden o ingreso en prisión por risco de fuga do condenado como cooperador necesario
Tras cinco días de deliberacións o Tribunal do Xurado declarou culpables de asasinato o autor confeso da morte de Yoel Quispe e tamén o que lle facilitou a navalla.
Houbo unanimidade entre todos os membros do xurado sobre a culpabilidade do autor da coitelada mortal. Destacan que actuou de xeito imprevisto sen que Yoel puidera defenderse.
Unanimidade que non acadou o xurado, para condenar tamén por asasinato como cooperador necesarioi o amigo que lle facilitou a navalla. No seu caso o veredicto adoptouse por sete votos, unha maioría suficiente. Consideran que durante o xuízo quedou probado que ao darlle a arma sabía que a ía utilizar contra Yoel e que podía causarlle a morte.
O xurado no ve acreditado que tiveran alteradas as súas funcións por consumo de alcol e drogas. Pero salienta a desprotección da vítima pola elevada inxestión alcólica. Cando foi asasinado Yoel tiña unha concentración de alcol etílico en sangue de 2.66 gramos por litro o que diminuía os seus reflexos e capacidade de reacción.
O autor confeso do crime xa está en prisión preventiva. Rematada a lectura do veredicto as acusacións, incluída a fiscalía, pediron o ingreso no cárcere po risco de fuga do outro condenado. O xuíz decidirá o luns cando se eleven a definitivas as peticións de pena, entre 20 e 25 anos de prisión.