Detida a condutora sen carné que fuxiu nun control en Verín e arrastrou co seu coche un garda civil
A muller, con múltiples antecedentes peinais, foi arrestada en Cualedro
O garda sufriu diversas contusións e tivo que ser trasladado por precaución a un centro hospitalario
Na fuxida, a condutora chocou contra outro vehículo de matrícula portuguesa
Imaxe da detención da muller. Garda Civil
A Garda Civil detivo a condutora na parroquia de Vilela, en Cualedro, por un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade e outro contra a seguridade vial por perda de vixencia do permiso de condución.
A benemérita despregou na tarde deste venres un dispositivo especial para dar co paradoiro da muller que fuxiu no seu vehículo durante un control rutineiro de Tráfico na N-525, á altura de Verín.
Os axentes que lle deron o alto no control comprobaron que tiña o carné de conducir retirado e cando se dispoñían a facer máis indagacións, a muller aproveitou para escapar no seu coche. Nese momento un dos axentes tentou detela e acabou sendo arrastrado varios metros polo vehículo, sufrindo varias contusións nos brazos e un traumatismo nun pé.
A condutora na súa fuxida chocou contra un turismo de matrícula portuguesa, continuando a marcha.
A muller é veciña de Cualedro, con múltiples antecedentes policiais. O vehículo non posúe nin ITV nin seguro.