Absolven un dos acusados pola morte de Yoel Quispe antes da deliberación do xurado
O maxistrado tomou a decisión ante a falta de probas
"Xa se anticipa que será un pronunciamento absolutorio e sen posibilidade de recursos".
É a decisión que tomou o maxistrado tras nove sesións xuízo e esta última na que as partes expuxeron os seus informes finais. Alegou falta de probas contra o mozo ao que unha das acusacións consideraba cómplice.
A fiscalía acusa os outros dous mozos dun delito de asasinato. "Foi unha coitelada mortal e o falecemento instantáneo", asegurou.
"Neste caso non hai ningunha dúbida razoable, hai unha única explicación lóxica ao falecemento de Yoel Quispe, que é o acoitelamento por parte de José Luis Franco coa navalla que voluntariamente lle deu Yared Gestal. Ambos os dous sabendo e coñecendo perfectamente o que facían e as consecuencias dos seus actos. José Luis Franco quería matar a Yoel. Non é un acto dirixido a asustar nin imprudente. É unha intención de matar directa", explicou a fiscala.
O avogado da nai de Yoel manifestou que na pelexa na que o mozo de orixe peruana perdeu a vida houbo un intercambio voluntario, que é o que denota a responsabilidade do investigado ao que acusan de ser cooperador necesario.
"O seu propio subconsciente traiciouno á hora de declarar cando el mesmo di que lle dá a navalla ao autor confeso", manifesta Adrián Borrajo, avogado da nai de Yoel Quispe.
O avogado do pai da vítima fala dunha agresión súbita e mortal.
"Onde queda a necesidade de defensa cando se reclama unha arma branca para usala fronte a unha persoa que se atopa rodeada, intoxicada e en inferioridade numérica? Un golpe xamais pode xustificar unha coitelada no corazón o día de Noiteboa. A embriaguez de Yoel non o facía culpable, facíao vulnerable", di Darío López, o avogado do pai de Yoel Quispe.
A defensa do autor confeso da coitelada mortal insiste en que non hai ningún elemento que probe que o seu cliente tivese intención de matar a Yoel.
"É certo que toma a decisión desafortunada e imprudente de facerse cunha navalla, pero non hai proba de que quixera matar a Yoel. El quería asustalo e que se fora".
O avogado do mozo que presuntamente facilitou a navalla tamén alega que non hai ningunha proba de cargo contra o seu defendido.
Antes de rematar a vista, os dous investigados fixeron uso do seu dereito á última palabra.
"Quería pedir perdón á familia e á miña propia familia", concluíu o autor confeso.
"Pedir perdón á familia e darlle os meus respectos. E dicir que se puidese volver para atrás non pasaría nada diso", dixo o presunto cooperador necesario do asasinato de Yoel Quispe.