A estación de Manzaneda colga o cartel de completo para a eclipse total do 12 de agosto
Conta cun amplo programa de actividades con monitor especializado na observación do ceo
A estación de montaña de Manzaneda colgou o cartel de completo nos seus aloxamentos para o próximo 12 de agosto, o día da eclipse.
"Hai tres semanas tiñamos un 30 por cento, en tres semanas repuntou e enchemos todo o hotel. Veñen de Galicia moito, de León, bastantes de Portugal, algún de Madrid." Explica Víctor Picos, Director da Estación de montaña de Manzaneda.
A estación preparou un amplo programa de actividades con monitor especializado na observación do ceo, música en directo e ambiente festivo, pensado tanto para os que se aloxan na estación como para os veciños.
"Este programa fixémolo tamén en colaboración cos concellos de Trives e Manzaneda e imos poñer o telecadeira de balde para todos os veciños. Non imos pechar a estrada, evidentemente vai estar aberta ,e todos os que nos queiran visitar poderán acceder ata aquí e tamén poden vir en telecadeira, que é outro aliciente subir no telecadeira para ver a eclipse. Eso sí que é único na estación de montaña de Manzaneda."
A eclipse será xusto un ano despois do grande incendio que arrasou a súa contorna: a estación de Manzaneda vive este día como unha oportunidade de rexeneración, mentres ultima os trámites para se converter en destino Starlight e consolidarse tamén a nivel turístico fóra da temporada de esquí.
"Danos folgos para rexenerar outra vez Manzaneda, para volver poñela no seu sitio. Estamos facendo bastantes obras e que Manzaneda volva ter o sitio que merece."
Calculan que o momento da eclipse total durará apenas 27 segundos, unha experiencia que será inesquecible para moitos.