Publicador de contidos

Publicador de contidos

O venres temos unha nova cita astronómica: unha eclipse parcial de lúa

O venres temos unha nova cita astronómica: unha eclipse parcial de lúa

Aínda que non veremos unha lúa de sangue, como cando é total, a parte escurecida avermellarase

Galicia está moi ben posicionada para observala

G24.gal 23/08/2026 14:26

Cando aínda estamos relambéndonos da eclipse total de sol, o venres que vén a sombra da terra escurecerá a lúa parcialmente. Non é coincidencia que os dous fenómenos se produzan tan seguidos. 

"Precisamente por esa aliñación planetaria que permite a eclipse total de sol, quince días despois prodúcese unha eclipse de lúa sempre", explica o astrónomo Borja Tosar.

Será unha eclipse de lúa parcial, pero escurecerase o 92% do astro. Aínda que non veremos unha lúa de sangue, como cando é total, a parte escurecida avermellarase.

"Depende da cantidade de aerosois que haxa na atmosfera nese momento, erupcións volcánicas e outros procesos, será unha sorpresa se vai ser moi vermella ou non. Temos que saír a velo", invita Borja Tosar.

Galicia está nunha posición privilexiada para ver esta eclipse.

 "Galicia vai ser un dos poucos sitios na península ibérica nos que se vai ver que a lúa chega a ese 92% de ocultación", puntualiza o astrónomo.

O fenónemo comezará ás 4 e 25 da mañá do venres e ás 6 e 12 minutos será o momento de máxima ocultación.

"Nese momento de máxima ocultación a lúa vai estar moi baixiña con respecto ao horizonte. Entón precisamentos que estea despexado o horizonte oeste e, ao contrario que na eclipse total de sol, é interesante buscar un sitio libre de contaminación lumínica", precisa Borja Tosar.

Non precisamos gafas especiais. As eclipses de lúa pódense ver a simple vista con total seguridade. Borja Tosar aconsella miralas tamén con prismáticos.

"É moitísimo máis espectacular. Se temos un pequeno telescopio tamén podemos usalo. Podemos saír e fotografala co móbil. Todo o que queiramos. É totalmente seguro", asegura.

Non nos despedimos de Borja sen preguntarlle desde onde a vai ver el.

"Recomendo para observar as estrelas Sarria porque é a miña vila e aí empecei eu coa astronomía. Ten unhas condicións excepcionais para ver o ceo, pero onde vives seguro que hai tamén unha cualificación starlight", dinos.

De feito, o astrónomo subliña que o ceo de Galicia é extraordinario a nivel mundial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade