Miles de persoas participan na procesión do Cristo da Vitoria en Vigo
O empresario Enrique Pereira foi o portador do estandarte e a presidenta do Celta leu o pregón inaugural
A procesión do Cristo é un evento de carácter eminentemente relixioso, que ten a súa orixe no ano 1810 tras a vitoria ante as tropas napoleónicas, pero nos últimos anos deviu nun acto de compoñente institucional e nun atractivo para os turistas.
Entre as numerosas autoridades políticas e sociais que asistiron este ano, estaban o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da deputación de Pontevedra, Luis López.
A imaxe do Cristo foi descendida na tarde do sábado, nun ritual que tamén congrega centos de fregueses na Concatedral. Vinte e catro horas despois, botaba a andar a procesión, que fixo o percorrido habitual polas rúas do casco vello, a praza do Berbés, a Alameda, rúa Colón e Porta do Sol.
O portador do estandarte foi nesta ocasión Enrique Pereira, xerente do Grupo Pereira, unha empresa pesqueira referente na cidade. A presidenta do Celta, Marián Mouriño, leu onte o pregón inaugural da celebración.
Milleiros de devotas e devotos, de Vigo e dos arredores, incluso da veciña Portugal, participan no acto principal do programa. Aínda que son numerosas tamén as persoas que realizan o mesmo percorrido a título individual.
Por tradición e por devoción, portan candeas acesas na honra do santo e tamén para pedir ou agradecer a concesión de favores.