Yoel Quispe faleceu por un taponamento cardíaco tras unha puñalada mortal, din os peritos
A médico do centro penitenciario de Teixeiro falou do comportamento en prisión do autor confeso da morte, e apuntou a unha "desafectación" en relación co sucedido sen descartar unha capacidade intelectual límite
Yoel Quispe, o mozo apuñalado mortalmente na Noiteboa de 2023 na Coruña, faleceu como consecuencia dun taponamento cardíaco, segundo expuxeron facultativos do Instituto Nacional de Toxicoloxía nunha nova sesión do xuízo celebrada este mércores na Audiencia Provincial da Coruña.
"Por unha ferida no corazón", precisaron, a preguntas das partes. En concreto, sinalaron que houbo afectación da parede anterior ao ventrículo dereito e que iso provocou o citado taponamento e a posterior morte.
Sinalaron que ademais tiña outras tres lesións que puideron ser provocadas pola mesma arma branca.
Isto nunha sesión con declaración, entre outros, da médico do centro penal de Teixeiro quen apuntou, a preguntas da defensa do autor confeso da puñalada mortal, a unha "desafectación" en relación co sucedido sen descartar por parte desta unha capacidade intelectual límite con base na súa reacción.
Dixo que tivo un comportamento anormal cando chegou á prisión, de non ser consciente da situación, de desafectación da realidade. Atribúeo a unha posible capacidade intelectual límite, e a algún trastorno que puidera padecer a raíz do seu pasado.
Explicou que naceu con síndrome de abstinencia porque súa nai consumía drogas, e que el empezou a consumir na adolescencia. Pero a preguntas da fiscal recoñeceu que ela, como médica de familia, non ten capacidade de realizar probas diagnósticas dese tipo. Tampouco foi visto en psiquiatría e non recibe tratamento algún.
Tamén explicou que o mozo xa non está no Módulo 9 de prevención de suicidios. Está traballando e integrado.
As especialistas que realizaron a análise toxicolóxica do cabelo do acusado concluíron que consumira drogas e alcol. Pero matizan que non se pode precisar o día exacto da inxestión.
Mañá será a quenda para as declaracións dos tres acusados.