Os investigadores do crime de Yoel Quispe confirman que o autor confeso intentou culpar outra persoa
Os investigadores do crime de Yoel Quispe confirman que o autor confeso intentou culpar outra persoa
Os axentes aseguran que lles indicou o nome do suposto propietario da arma homicida
Os policías que acudiron ao lugar do crime na madrugada do 24 de decembro de 2023 explicaron que ao chegar xa atoparon a Yoel Quispe sen constantes vitais.
"Vimos un mozo tirado no chan, nun charco de sangue, e xa non tiña vida". "Os médicos, en canto lle cortaron a camiseta, xa nos dixeron que fora con algún tipo de navalla. E era o que buscabamos". "O meu compañeiro só atopou un teléfono móbil e unha botella de auga".
Afanáronse en que non se contaminase a escena do crime e solicitaron reforzos. Ao lugar desprazáronse axentes da Policía Científica para recoller pegadas e comezar coa investigación, xa que se trataba dunha morte violenta. Catro días despois, a policía recibe a chamada dunha persoa que quere achegar datos sobre a posible autoría do crime de Yoel Quispe.
"Eles o que nos din é o que recoñeceron nun vídeo de Internet, que quedaron con el e el maniféstalles que sabe quen foi o autor. Falamos con el e di que quere ir á comisaría a declarar". "Di que el estivo alí, pero que non foi o autor da coitelada. E nos di que foi outra persoa á que identifica con nome e apelidos. Pero como nós xa tiñamos o autor, paramos todo e procedimos á súa detención".
É o mozo ao que as dúas acusacións particulares consideran que foi cooperador necesario do crime porque o sinalan como propietario da navalla. Piden para el, ao igual que para o autor confeso, 25 anos de cadea.
"Con respecto ao terceiro implicado, Aarón, concluíron algo?" -"Yared díxonos quen estaba alí".
A el as acusacións particulares investígano por ser cómplice ou encubridor e solicitan 15 ou tres anos de cárcere dependendo do delito.
O xuízo prolongarase toda a próxima semana e está previsto que o xoves declaren os tres procesados.