Os bombeiros dan por concluído o operativo do incendio de Ribadeo
Prevese que as familias desaloxadas non poidan volver aos seus fogares ata o luns da semana vindeira
Á primeira hora deste venres os bombeiros de Barreiros daban por finalizado o operativo posto en marcha a raíz do incendio de Ribadeo, que afectou a talleres e vivendas. Aínda que se prevé que os pisos desaloxados non poderán ocuparse de novo ata o luns vindeiro, os veciños xa poden entrar para limpalos, ao igual que no edificio lindeiro.
"Achegámonos sobe as seis da mañá para botarlle un último ollo á situación e sobre as nove da mañá démoslle por concluído o operativo ao 112, despois de comprobar que todo estaba en orde e quedaren os locais precintados", sinala Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros.
As autoridades investigan agora as causas do lume, que puido orixinarse nun taller dunha imprenta. O material altamente inflamable fixo que se acadasen temperaturas mesmo por riba dos 250 graos.
"Son materiais que producen moita temperatura, plásticos, tintas e demais. Todo iso, á parte de ser tóxico, produce unhas temperaturas moi altas. A concentración nun espazo pechado cunha entrada de aire tanto por unha parte da nave como pola outra fixo que se propagase o incendio dunha maneira brutal", explica Fernando González.
Pese á virulencia do incendio, a empresa de artes gráficas afectada continúa operativa. Tocante á contía total dos danos materiais, están pendentes de seren avaliados.