Dous feridos graves nun choque frontal entre unha ambulancia e un turismo na Rúa
Os dous condutores tiveron que ser excarcerados e foron trasladados ao hospital
Dúas persoas quedaron feridas de gravidade este martes nunha colisión frontal entre unha ambulancia e un turismo no quilómetro 465 da N-120, ao seu paso polo concello da Rúa (Ourense).
Segundo informou a Garda Civil, o accidente produciuse arredor das 11:40 horas. Os dous condutores quedaron atrapados nos vehículos e tiveron que ser excarcerados. A condutora do turismo foi trasladada en ambulancia ao Hospital Público de Valdeorras, mentres que o condutor da ambulancia foi evacuado nun helicóptero medicalizado ao Complexo Hospitalario Universiario da Coruña.
No momento do accidente non viaxaban máis ocupantes en ningún dos dous vehículos e ambos os feridos atópanse estabilizados. A Garda Civil investiga as causas do sinistro e está pendente de realizar as probas de alcol e drogas aos dous condutores.