Dúas persoas quedan feridas nun accidente múltiple en Arteixo
Un coche foise da vía e outros tres bateron contra el en cadea
Ocorreu na autoestrada AG-55 que une A Coruña con Carballo
Imaxe cedida
Dúas persoas quedaron feridas nun accidente múltiple ocorrido na autoestrada AG-55 que une A Coruña con Carballo ao seu paso polo concello de Arteixo.
Ocorreu pasadas as 9:00 horas no punto quilométrico 19,8, en Monteagudo. Segundo informa o 112, un coche foise da vía e outros tres bateron contra el en cadea.
Como consecuencia do sinistro, un dos vehículos comezou a arder pero coa axuda dun extintor conseguiron sufocar o lume antes da chegada dos bombeiros de Arteixo e Carballo.
Imaxe cedida
Ata o lugar tamén se desprazaron profesionais do 061, axentes da Garda Civil de Tráfico, efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil e persoal de mantemento da estrada.
Tras remataren a evacuación das persoas feridas, os servizos sanitarios confirmaron o traslado ao hospital de dúas persoas.
Imaxe cedida