Un home morre en Baiona ao caer dun quinto andar por accidente
Tentaba acceder a un cuarto a través dunha velux cando perdeu o equilibrio e precipitouse ao baleiro
Un home de 47 anos e natural de Pantín, no concello de Valdoviño, faleceu este domingo pasada a medianoite en Baiona ao precipitarse de xeito accidental dende o quinto andar dun edificio situado na rúa Arquitecto Palacios.
Segundo as primeiras informacións recollidas no lugar dos feitos, a vítima tentaba acceder a un cuarto a través dunha velux cando perdeu o equilibrio, caeu ao baleiro e faleceu no acto.
Unha muller que estaba con el na vivenda deu a voz de alarma. Tras sufrir un ataque de ansiedade, recibiu asistencia médica e foi trasladada ao hospital Povisa de Vigo.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local, a ambulancia de Soporte Vital Básico, o GES do Val Miños e a Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán, que se fixo cargo da investigación para determinar as circunstancias da caída.