Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta reclama participar na xestión da PAU para evitar novos erros nos exames

A Xunta reclama participar na xestión da PAU para evitar novos erros nos exames

Educación quere ter "capacidade de control" nas probas que agora organizan as universidades

Familias e profesores piden cambios e responsabilidades polos defectos detectados nesta convocatoria

 

G24.gal 05/06/2026 15:16

A Xunta ponlle un suspenso á xestión da PAU, as probas de acceso á universidade, e pide revisar o procedemento. A Consellería de Educación reclama ter participación activa na organización e no control das probas, despois dos erros que xurdiron este ano nos exames de Debuxo Técnico e de Historia de España.

Educación di que os exames deben seguir sendo elaborados só por profesores pero quere ter capacidade de organización e de supervisión. Confirmouno este venres o propio conselleiro durante unha visita ao IES Ricardo Mella de Vigo.

"Criterios de datas, de como poder facer algún tipo de control ou de seguimento dos exames, ter unha maior participación", asegura o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.

Porque agora só un reducido conxunto de persoas participa na preparación da PAU, os grupos de traballo da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). E só un profesor ou profesora elabora e revisa cada exame antes das probas.

"Este é un sistema altamente restritivo que vén como reacción ao que pasou no ano 92 e o que se busca é a confidencialidade absoluta das probas", argumenta o presidente da CIUG, Iván Area, referíndose aos problemas de filtracións de exames que sacudiron a antiga selectividade en 1992.

Alumnos e familias piden cambios e responsabilidades polos erros nos exames. Tamén existe unha reclamación oficial impulsada por profesores de secundaria de toda Galicia que dirixiron á CIUG esixindo, entroutras cousas, a dimisión dos responsables dos exames que tiñan erros.

"Non podo entender como non houbo un plan B, como non se propuxo unha segunda proba para os alumnos voluntarios o xoves pola tarde, e non podo entender como se envía a imprimir un exame con fallos", expón Pablo Martínez, profesor de Debuxo Técnico e vicedirector do IES República Oriental do Uruguai de Vigo, que tamén participa na elaboración de exames para as oposicións da Xunta.

"Os responsables desta proba son quen son, quen as deseña, quen as evalúa, quen as corrixe e quen as organiza non é a Xunta de Galicia", conclúe o conselleiro de Educación.

Os efectos dos erros coñeceranse cando saian as notas, previsiblemente a próxima semana. A CIUG xa asegurou que os exames non se repetirían pero promete unha "correción flexible" para reducir os prexuízos que puidesen sufrir os estudantes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade