Os segredos do xabón natural que pervive grazas o traballo de artesáns
María Luisa Rodríguez rexenta unha empresa de cosmética en Maside e imparte obradoiros para que non se esqueza esta sabedoría
No seu laboratorio de Santa Comba, en Maside, María Luisa amósanos como facer un xabón de aceite de oliva. Auga destilada e sosa son a base dunha mestura que deberá endurecer no molde durante unhas 24 horas antes de poder cortala.
Feitas as pezas, cómpre deixalas curar nun espazo ventilado, onde non lles dea a luz, durante 30 ou 40 días para poder empregalas. Aprendeu a facer xabón hai máis de tres décadas, coa bisavoa dos fillos. Un coñecemento no que afondaría anos despois.
Agora formula e elabora non só distintos tipos de xabón, senón tamén champús sólidos, desodorizante ou aceite. Cosmética que elabora, como di o logo da súa empresa, seguindo o ritmo pausado da vida rural e empregando, sempre que pode, materia prima da terra. O resultado, produtos máis sostibles, respectuosos co medio natural e tamén coa pel.