Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un intento de roubo polo método do tirón acaba en traxedia en Ribeira

Un intento de roubo polo método do tirón acaba en traxedia en Ribeira

A vítima, de 60 anos, caeu ao chan e levou un golpe na cabeza, do que morreu aos cinco días no hospital

O agresor, que é un toxicómano que xa estivo no cárcere por outros roubos, quedou en liberdade con medidas cautelares tras ser detido

G24.gal 05/06/2026 14:37

Un intento de roubo polo método do tirón acaba en traxedia en Ribeira. O falecido é un home de 60 anos. O golpe que levou tras sufrir un roubo, foi mortal.

"Subindo as escaleiras da igrexa viñeron dous xonquis e un deles tiroulle do bolso que levaba cruzado de atrás para diante e o home caeu para atrás e golpeou a cabeza", explica unha amiga da familia. 

"Quixeron roubarlle e non sei que pasou e caeu e dou un mal golpe", resalta outra veciña.

Doce días despois aínda se pode ver a mancha do sangue ao pé do banco onde caeu. 

"Quedoulle paralizada unha parte da cabeza e a outra íalle ben pero morreu", engade a primeira muller. 

Foi un domingo á noite, contra as once, sen apenas testemuñas. 

"Atopouno unha amiga tirado e foron pedir axuda a un bar porque se estaba desangrando e xa non se soubo máis nada".

A vítima morreu cinco días despois no hospital. As cámaras de seguridade da zona axudaron a dar co suposto agresor, un toxicómano da zona, con antecedentes, que saíu hai pouco do cárcere. Un máis, comentan na rúa. 

"Hai tantos, é que hai tantos. Son moitísimos que lles tiran do bolso ás señoras maiores, que as tiran, lévanlle o bolso e escapan e xa non hai máis".

"Toxicómanos aquí hai moitos. Con todas as cousas que están pasando aquí en Ribeira sempre estamos pensando no malo. Coñecía ao home de vista pero pouco máis", coinciden ambas.

O home foi arrestado o xoves. Este venres pasou a disposición xudicial en Ribeira. O xuíz acordou a súa posta en liberdade, investigado por un delito de homicidio imprudente e con medidas cautelares, retiróuselle o pasaporte, decretouse a prohibición de saída de territorio nacional, así como a obriga de comparecer semanalmente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade