Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de mil hectáreas queimadas nun incendio no distrito portugués da Guarda

Máis de mil hectáreas queimadas nun incendio no distrito portugués da Guarda

O lume, a vinte quilómetros da fronteira española, obrigou a cortar a autoestrada

Cinco bombeiros feridos durante os traballos de extinción

Antón Montero 28/07/2026 19:09 Última actualización 28/07/2026 19:46

O incendio de Rochoso, no distrito portugués da Guarda, cumpre día e medio fóra de control. Este martes, as lapas obrigaron a cortar unha estrada nacional e a A-25, a autoestrada que une Aveiro coa fronteira española. O lume queimou xa máis de mil hectáreas dunha paraxe forestal a uns vinte quilómetros da provincia de Salamanca.

Hai máis de cincocentas persoas e unha ducia de aeronaves tentando apagalo: o luns pola noite, cinco bombeiros sufriron feridas leves. Este martes, as lapas ameazaron varias vivendas da aldea de Pínzio, o que obrigou a evacuar os seus veciños. A previsión dun aumento do vento nas vindeiras horas é o maior temor dos equipos de extinción.

É o máis grave dos dez incendios activos en Portugal, aínda que sete deles xa están baixo control. Ademais do da Guarda, preocupa outro incendio en Valpaços, a 30 quilómetros da fronteira galega.

O Instituto do Mar e a Atmosfera declarou risco alto de incendio en todos os distritos do norte e do centro de Portugal, ademais da zona de Beja, no Alentexo, e en Faro, a capital do Algarve. No que vai de ano, a policía lusa detivo 155 persoas acusadas de incendio forestal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade