Declara no xuízo a nai de Yoel Quispe: "O meu fillo era todo para min"
Contou que Yoel compaxinaba dous traballos para axudala economicamente
"Dixen: Teñen que ser eles. É que o cheiraba", manifestou un amigo da vítima sobre as súas sospeitas tras amosar un vídeo aos acusados
O atraso da chegada das testemuñas previstas para esta mañá adiantou a declaración da nai de Yoel Quispe. Visiblemente emocionada, lembrou o seu fillo como o seu principal sustento persoal e económico.
"O meu fillo era a miña man dereita. O meu fillo era todo para min".
Á parte do seu avogado, só lle realizou unha única pregunta a defensa do autor confeso do crime.
"- Practicaba boxeo o seu fillo? - Non".
Declararon amais varios amigos de Yoel Quispe e que tamén coñecían algún dos mozos que sentan no banco dos acusados. Contaron que o agora autor confeso, nun primeiro momento, culpou unha terceira persoa.
"Estaba dicindo que fora Santana". "Ensineille o vídeo. E estaba Yareb e Yoel. Botáronse cara atrás e comezaron a rir. E aí xa dixen: Teñen que ser eles. É que o cheiraba".
"Nós chamamos os amigos de Yoel Quispe para que viñesen falar con el (co agora autor confeso). E viñeron coa policía e levárono. E cando o levaron dixo que el fora o culpable".
O xuízo, con tribunal de xurado, segue mañá coas declaracións de doce axentes da Policía Nacional que investigaron os feitos.