Galicia pon en marcha a tempada de verán dos trens turísticos con todas as prazas de xuño esgotadas
As primeiras citas de xullo están tamén a piques de esgotarse
(TVG)
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou este venres a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician este sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil.
Xosé Merelles destacou o éxito desta iniciativa, "que constitúe xa unha das citas de referencia na programación turística da comunidade, co recoñecemento do público como de organizacións do sector". Neste sentido, incidiu en que "os itinerarios de xuño xa están vendidos ao completo, e as primeiras citas de xullo están tamén a piques de esgotarse".
Os trens que inician saída neste mes son o da Ruta dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo).
Para o director de Turismo de Galicia, isto "dá boa mostra do éxito desta iniciativa única, que integra sustentabilidade e singularidade" e que favorece a desestacionalización.
O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.
Rutas de xullo e agosto
Alén das que se inician en xuño, en xullo comezan as Rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra (4 de xullo, 19 de agosto); a das Rías Baixas (11 de xullo, 12 de setembro); e a do Ribeiro-Rías Baixas (18 de xullo).
Agosto será o mes no que se inicien as saídas da Ruta das Mariñas (1 de agosto, 5 de setembro); a dos Pazos e Xardíns (8 de agosto, 19 de setembro); a de Monterrei (8 e 29 de agosto); a do Museo MEGA e A Coruña de 1906 (15 de agosto); e a dos Queixos (22 de agosto e 3 de outubro), que será a que poña punto e fin á campaña de 2026.
A nivel de ocupación, vendéronse xa dúas rutas por completo (a das Camelias e a dos Faros), e outra máis vai camiño de esgotarse, con máis do 70 % de prazas vendidas (a da Ribeira Sacra polo Sil).
En 2025 conseguiuse máis dun 92 % de ocupación, completándose os trens das rutas dos Queixos, Ribeira Sacra do Miño e o Sil, Rías Baixas e a dos Faros, que ademais foi recoñecida co premio Tourism-Friendly na categoría de viaxes de curta distancia da Unión Internacional de Ferrocarrís.