Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un vídeo da agresión delatou o autor confeso da morte de Yoel Quispe

Un vídeo da agresión delatou o autor confeso da morte de Yoel Quispe

Segundo os investigadores, o principal acusado tratou de inculpar outra persoa, pero as probas volvéronse contra el

Os peritos descartan que o autor tivese afectadas as súas capacidades

G24.gal 09/06/2026 14:12 Última actualización 09/06/2026 17:12

O primeiro en declarar na sétima xornada do xuízo pola morte de Yoel Quispe foi un dos mozos que xa foi condenado por un delito de lesións por unha liorta previa coa vítima esa mesma noite. Interviu por videoconferencia desde Barcelona. Dixo ver só o inicio da pelexa de Yoel con alguén do grupo dos acusados e describiu a actitude da vítima como violenta.

Un axente da Policía Xudicial explicou por que o autor confeso acabou sendo detido e investigado tras presentarse na comisaría voluntariamente para colaborar na investigación. Identificouse no vídeo que circulaba da agresión e intentou inculpar outra persoa, pero as testemuñas xa o sinalaran a el e o vídeo delatouno.

Respecto da participación dos outros dous acusados, o inspector xefe da Policía Xudicial que dirixiu a investigación explicou que malia que non apareceu a arma, baséanse nos vídeos en que un semella entregar a posible navalla. Outra das probas é que no pantalón dun deles atopáronse restos de ADN da vítima, polo que deducen que puido gardala no peto.

Os peritos descartan que o autor tivese afectadas as súas capacidades

O autor confeso do apuñalamento mortal a Yoel Quispe non tiña as súas capacidades volitivas nin cognitivas afectadas, segundo sinalaron peritos no xuízo.

Tamén rexeitaron que un diagnóstico de capacidade intelectual límite puidese afectarlle neste sentido.

Así o declararon a preguntas da Fiscalía e das acusacións particulares, pero tamén da defensa do autor confeso, que lle preguntou, en concreto, polo diagnóstico de capacidade intelectual límite realizado no cárcere de Teixeiro, explicou a letrada, tras o seu ingreso en prisión.

Os peritos afirmaron que non había, previamente, ningún tratamento por enfermidade mental nin un informe sobre unha capacidade intelectual límite.

En todo caso, aseveraron que quen a presentan son "persoas normalizadas" sen que afecte a súa capacidade cognitiva e volitiva. Todo isto nunha sesión que se centrou no caso das acusacións de descartar unha afectación polo consumo de alcohol e drogas nos tres acusados por estes feitos ou de intentar demostralo no caso das defensas.

Un policía asegurou, antes da declaración destes peritos, que o mozo que presuntamente lle deu ao autor confeso do apuñalamento a navalla tivo, a xuízo dos investigadores, "unha cooperación necesaria". Do outro acusado, presunto encubridor, un investigador sostivo que tiña "coñecemento ao detalle" do sucedido e que "non" facilitou información.

Da lesión que presentaba a vítima, os forenses especificaron que afectou ao corazón e que a arma profundou en varias capas, con rotura dalgunha costela. "Polas dúas", indicaron ao seren preguntados se foi polo fío da navalla ou pola forza. Confirmaron tamén un elevado consumo de alcohol na vítima, pero sen concretar se iso puido afectar á súa capacidade de reacción.

A Fiscalía pide 14 anos para o mozo que está preso e a familia reclama condenas para 3 participantes

Fronte á postura da Fiscalía, con petición de 14 anos de prisión por homicidio para o único mozo que está no cárcere e de sobresemento da causa para outros dous, a familia defendeu desde o inicio que os tres mozos que se sentan no banco dos acusados deben ser condenados.

Así consideran autor material do asasinato o que está en prisión e cooperador necesario o que, segundo esta parte, "levaba a navalla e facilítalla" ao anterior, con implicación tamén dun terceiro.

O avogado da nai pide para os dous primeiros penas de 25 anos de cárcere por asasinato e para o terceiro 15 anos como cómplice, mentres que o avogado do pai rebáixaa neste último caso a tres anos como encubridor, aínda que pide a mesma condena para os outros dous.

As defensas reclaman a absolución. No caso de dous deles ao entender que non está acreditada a súa participación. Isto con solicitude previa de sobresemento da causa tanto para o que, segundo as acusacións, presuntamente entregou a navalla como para o que actuou como encubridor ou como cómplice, algo que rexeitan os avogados de ambos os dous mozos.

Alternativamente á absolución, para o mozo que agrediu mortalmente a vítima, e que confesou a autoría, a súa representación legal solicita que os feitos sexan considerados homicidio imprudente ou lesións dolosas con homicidio imprudente e cunha pena dun ano de cárcere.

Por estes feitos, dous acusados de golpear a vítima aceptaron, nun xuízo celebrado no Penal número 3 da Coruña, unha condena de nove meses de cárcere, aínda que con acordo de suspensión da mesma se non volven cometer un delito e aboan a responsabilidade civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade