Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cabalos e vacas cachenas no monte comunal de Lucenza para previr os incendios forestais

Cabalos e vacas cachenas no monte comunal de Lucenza para previr os incendios forestais

Suman xa 135 cabezas de gando, fundamentais para loitar contra o lume

G24.gal 10/06/2026 14:50

Foi tras un grande incendio en Cualedro no ano 2015, que os veciños de Lucenza decidiron actuar. E miraron cara onde sempre se mirou, a eses animais que eran quen de manter limpo o monte. Así que no 2017 pecharon no seu comunal cinco cabalos de pura raza galega e trece vacas cachenas. Agora suman xa 135 cabezas de gando, fundamentais para loitar contra o lume

"Este ano mesmo cos incendios que aquí houbo, moitos e gordos, case ardeu todo, as vacas fixeron o seu traballo. Houbo zonas que non se queimaron a raíz de que estaba desbrozado por causa das vacas. Grazas aos animaliños que pelaron todo, salvouse moito, moito terreo". explica Antonio Teixeira, secretario da Mancomunidade de Montes de Lucenza.

O comunal ten pechadas unhas cen hectáreas arredor de Lucenza, as que suman os terreos cedidos por moitos veciños.

"Manter todo limpo a nós énos imposible, non podemos facelo. O gando axuda moito. De feito vedes que esto está baixiño, a silva ou outra matogueira que haxa non sobe coma onde non andan os animais. Os animais é unha cousa boa, tiña que haber máis, pero ten que haber máis quen os atenda", apunta o comuneiro Alfredo Castro.

Contan que a explotación non ten un fin económico, só o de protexer os seus montes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade