Investigadas 5 persoas polo furto de máis de 400 quilos de cobre en Arteixo
A catro delas, segundo detallou a Garda Civil, atribúeselles a suposta autoría dun delito de furto agravado, ao tratarse de cable de telecomunicacións, e á quinta, un de encubrimento
Garda Civil/Ministerio do Interior
A Garda Civil investiga cinco persoas polo furto de máis de 400 quilos de cobre procedente de cableado de telecomunicacións en Arteixo.
A catro delas, segundo detallou este mércores a Garda Civil, atribúeselles a suposta autoría dun delito de furto agravado, ao tratarse de cable de telecomunicacións, e á quinta, un de encubrimento.
A intervención comezou durante a madrugada do pasado venres 18 de setembro, cando varios veciños avisaron de que un grupo de persoas estaba a facer lume e provocando unha importante fumareda nunha zona do municipio. Á súa chegada, as patrullas comprobaron que os individuos estaban a queimar cableado de cobre no interior dunhas bañeiras. Ao ver os axentes, fuxiron cara a unha zona boscosa e abandonaron no lugar todos os medios empregados.
Unhas horas despois, durante a mañá do sábado, a Garda Civil localizou os implicados e procedeu á súa investigación.
Interviñéronse máis de 400 quilogramos de cobre, cun valor no mercado superior aos 9.000 euros, e parte do mesmo atopábase queimado e preparado para a súa venda. Tamén se identificou unha quinta persoa que supostamente cedera a leira lindeira para favorecer a preparación do cobre subtraído.
Comprobouse así que nese terreo había acumulados restos de cobre queimado en ocasións anteriores, ademais de restos de chatarra de diversa índole.