Nervios entre os alumnos a 24 horas da publicación das notas da PAU
A polémica nas probas de Historia e Debuxo Técnico complica aínda máis a espera
En pouco máis de 24 horas os máis de 13.400 alumnos que fixeron a selectividade a semana pasada saberán xa se poden entran na carreira dos seus soños. Son momentos de espera marcados polos nervios, que creceron aínda máis pola polémica nos exames de Historia e Debuxo Técnico.
Dende a CIUG xa avisaron de que os alumnos non pagarían as consecuencias dos erros nos exames.
"Imos adoptar criterios extraordinarios de corrección para garantir que ningún estudante resulte prexudicado", confirmaba a semana pasada Iván Area, director da CIUG.
Onte os reitores das tres universidades galegas lanzaron un comunicado onde defendian a CIUG e dende a XUNTA anuncian xa que para o próximo ano terán máis control na proba e que será necesario facer reformas.
"Queremos que a Xunta de Galicia participe, ao igual que noutras comunidades de distintos signos políticos, na coordinación do deseño destas probas", declaraba hoxe Román Rodríguez, conselleiro de Educación.
O conselleiro asegurou que aínda que o seu departamento forma parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) que elabora os exames da PAU, a administración está excluída da organización destes exames e mesmo descoñece os criterios que se utilizan para a corrección.
Tanto o presidente da CIUG, Ivan Carlos Area, como os reitores das universidades, argumentan que hai dous anos presentaron unha modificación na que pedían a incorporación dunha segunda persoa na elaboración dos exames por cada materia, co obxectivo de minimizar posibles erros humanos e reforzar os mecanismos de revisión, sen que a Xunta lles dese unha resposta.
Unha polémica que dependendo das correccións pode aínda ir a máis. Mañá todo o mundo saíra de dúbidas.