Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian que parte do exame de Historia da PAU extraordinaria non cumpre os criterios da CIUG

Denuncian que parte do exame de Historia da PAU extraordinaria non cumpre os criterios da CIUG

Os docentes sinalan que hai exercicios do exame de Historia de España que "non se axustan" aos criterios de concreción fixados pola propia Comisión Interuniversitaria

Lamentan que "chova sobre mollado" tras as incidencias xa rexistradas no exame de xuño en convocatoria ordinaria

Europa Press Europa Press
G24.gal 01/07/2026 15:39

Docentes galegos denunciaron que preguntas do exame de Historia de España na convocatoria extraordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU) "non se axustan" aos criterios propios da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG). Neste sentido, lamentaron que "chove sobre mollado" tras as incidencias xa rexistradas no exame de xuño en convocatoria ordinaria.

Segundo explicaron fontes consultadas por Europa Press, o problema principal reside en que exercicios do exame de Historia de España "non se axustan" aos criterios de concreción entregados polo grupo de traballo ao comezo do curso.

"O problema non é a formulación das preguntas, que son completamente válidas, simplemente que non se adaptan aos criterios que nos dan previamente", indicaron estas mesmas fontes.

En concreto, as queixas céntranse na pregunta 1, de carácter obrigatorio e sen opcionalidade, a cal, segundo as directrices previas, non debería conter máis de dous erros para ser localizados e corrixidos polo alumnado. Con todo, os profesores aseguran contabilizar "catro erros claros" nun texto referido ás reformas dos Borbóns en Galicia, especificamente sobre o arsenal de Ferrol e a matrícula de Mar.

Neste contexto, denunciaron que esta situación xera "inseguridade" e "confusión" entre os estudantes debido a unha redacción que consideran "pouco concisa e ambigua" nunha proba onde os tempos son "moi axustados".

Quéixanse tamén do segundo exercicio, cuxa redacción "non é clara". "Non é que haxa un erro como no outro caso, pero debería ser un pouco máis conciso, porque logo tamén é unha pregunta moi ampla", subliñaron.

Ante esta situación, centros como o IES Leliadoura de Ribeira esixiron que se asuman responsabilidades políticas e técnicas polo ocorrido en ambas as convocatorias. Neste sentido, reclamou que quen coordine o grupo de traballo da materia debe estar capacitado para o seu labor e, pola contra, "deberá deixar o seu cargo".

O profesorado lamentou o que considera unha "falta de respecto" ao seu traballo e o dos alumnos, instando a que para o próximo curso se manteña un "rigor absoluto" cos criterios establecidos e se conte coa participación activa dos docentes que imparten a materia á hora de propoñer os exames.

Pola súa banda, denunciaron que a resposta por parte da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) seguiu a liña da convocatoria de xuño, defendendo que a proba era "solventable, solucionable e válida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade