Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xunta e universidades pactan a reforma da PAU: gañan peso os profesores de bacharelato

Xunta e universidades pactan a reforma da PAU: gañan peso os profesores de bacharelato

O acordo dará lugar á creación de dous órganos: un marcará as directrices xerais e o outro vixiará as tarefas loxísticas

Xuntanza entre o conselleiro de Educación e os equipos reitorais das tres universidades galegas (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 30/07/2026 13:36

A Xunta e as tres universidades pecharon o acordo para reformar a estrutura de organización da Proba de Acceso á Universidade (PAU). A principal novidade é que os grupos de traballo de redacción e corrección das probas estarán constituídos por un máximo de dous docentes das universidades públicas e un máximo de catro profesores de bacharelato, que gañarán peso respecto ao modelo anterior.

O novo pacto dará lugar á creación de dous órganos complementarios: a comisión organizadora estará integrada pola Xunta e as universidades e encargarase das directrices xerais dos exames; e a comisión técnica será a responsable das tarefas loxísticas e operativas da PAU.

Segundo o comunicado da Consellería de Educación, este segundo órgano estará integrado por dúas persoas "de recoñecida experiencia na docencia e xestión de probas de acceso" a proposta da Xunta e polas persoas que ocupen a presidencia e a secretaria do Tribunal Único, órgano da Comisión Universitaria de Galicia (CiUG). Á súa vez, esta entidade seguirá, como ata o de agora, seguirá desempeñando as funcións de elaboración, custodia, distribución e corrección das probas.

Entre outros, a comisión técnica publicará os modelos de exame de cada materia e os criterios xerais de avaliación e resolverá as reclamacións relativas a cuestións de natureza distinta ás cualificacións. Así mesmo, propoñerá á comisión organizadora os membros dos grupos de traballo -que redactan os exames-, das comisións delegadas -que os realizan en cada unha das sedes- e dos tribunais cualificadores -que os corrixen-.

Modelo máis "seguro" e "igualitario"

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, defendeu que se trata dun modelo "máis seguro, máis coherente, máis igualitario e que faga posible evitar calquera tipo de controversia ou problema".

"Detectouse unha debilidade, acordouse e actuouse para dar unha solución a un marco que, funcionando ben, sempre tiña unha marxe de mellora", dixo.

Pola súa banda, a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, asegurou que o acordo asegura un sistema "máis robusto" e destacou a participación "moi activa" das universidades, cun sistema "con moitas máis garantías para todas as partes".

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, subliñou que as achegas das universidades puxeron á CiUG nun "papel central", como "debe seguir sendo no futuro".

Para rematar, a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, sinalou que as dúas comisións teñen "funcións moi claras" e que se chega a un bo equilibrio para garantir que os exames estean ben custodiados e non teñan erros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade