Xunta e universidades inician o diálogo para "mellorar" a organización e xestión da PAU
O conselleiro de Educación reuniuse cos tres reitores. Europa Press
A Xunta de Galicia e as tres universidades públicas galegas iniciaron o diálogo para a "mellora" da organización e da xestión operativa da Proba de Acceso á Universidade en Galicia.
En concreto, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse este mércores coas reitoras e o reitor das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, Rosa Crujeiras, Carmen García e Ricardo Cao respectivamente.
Na reunión, na que tamén participou o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro trasladou a aposta da Xunta para alcanzar un modelo de exame "o máis seguro posible".
Ademais, aposta por "blindar a igualdade de oportunidades dos mozos no acceso á universidade", que opera como un distrito único para o que actualmente hai "17 portas de entrada distintas". Neste sentido, na reunión acordaron comezar a traballar nunha folla de ruta para establecer melloras de carácter "estrutural e conxuntural".