Unha muller salva a vida en Malpica grazas á axuda de tres veciños que lle practicaron a RCP
A muller, que pasaba uns días na Costa da Morte, recupérase no hospital
Sucedeu en Malpica. Unha muller de 45 anos camiñaba cunha amiga cando sufriu unha indisposición e caeu redonda.
"Pensamos que respiraba pero ao inspeccionar máis de cerca empezaban a poñérselle os labios morados", di Zig Zag Pose.
Deron aviso ao 061 e de inmediato iniciaron a manobra de reanimación cardiopulmonar. Ao lugar chegou tamén Diego, un policía local de Malpica, que achegou un desfibrilador para asistir á muller ata que puideran chear os medios de urxencias.
"A rapaza está ben. Alucinante, porque tardaron moito en recuperala. Pasou máis dunha hora. E non as tiña todas comigo", di o veciño que axudou a reanimar.
Agora a muller recupérase no hospital grazas a un traballo desenvolvido en equipo. Os heroes deste caso con final feliz non deixan de insistir nunha mensaxe.
"Si antes dos tres ou catro minutos alguén está facendo a manobra, salvaríanse moitas vidas. E pode ser un familiar teu", di Zig Zag Pose.
Un pequeno xesto que pode salvar unha vida.