Tres feridos nunha liorta entre feirantes en Boiro
Sospéitase que foi unha rifa polo espazo que debía ocupar cada un
A Garda Civil de Boiro investiga unha pelexa entre feirantes que preparaban as súas atraccións para as festas. Hai tres persoas feridas. Dous homes foron trasladados ao hospital con feridas e contusións. Os veciños gravárono cos móbiles e temen que os enfrontamentos vaian a máis.
Os feirantes preparaban as máquinas cando empezou o enfrontamento. Sospéitase que foi unha rifa polo espazo que debía ocupar cada un. A lea foi a máis e un dos grupos colleu unhas barras de ferro das atraccións e foi atrás do competidor.
Primeiro cos ferros e despois a puñadas. Acabada a liorta, os agresores gardan os ferros debaixo dunha das atraccións e foxen. Cando parecía rematada a refrega, chega unha furgoneta cargada de xente. E volven agredir outra vez a mesma persoa.ç
No hospital do Barbanza ingresaron dous homes: un de 20 anos e outro de 46, e unha terceira persoa. A Garda Civil abriu unha investigación, a pesar de que non consta que haxa denuncias de ningunha das partes.
Hoxe, algunhas das atraccións permanecían pechadas, mentres que outras seguían cos preparativos das festas do verán, que comezan oficialmente á noitiña. Os vídeos da zarracina volvéronse virais en toda a comarca. Os veciños agardan que as leas non vaian a máis.