Toman declaración á vítima do tiroteo en Lugo entre un amplo operativo de seguridade
O ferido permanece ingresado, aínda que fóra de perigo
Axentes de policía no lugar do tiroteo (Europa Press/Carlos Castro)
Axentes do Grupo de Delitos Violentos do Corpo Nacional de Policía seguen realizando dilixencias e avanzan na investigación para esclarecer os feitos que derivaron nunha liorta entre dous clans familiares o pasado mércores na cidade de Lugo e, nas últimas horas, tomáronlle declaración á vítima, un home que permanece ingresado no HULA a causa dun disparo nunha perna.
Fontes policiais informaron á axencia EFE de que os axentes que se fixeron cargo da investigación xa falaron co home que recibiu o disparo nas inmediacións do portal onde residía coa súa familia, no transcurso da liorta que se desatou na rúa Primavera.
A vítima, tras recibir asistencia médica de urxencia no HULA, quedou fóra de perigo.
Así mesmo, confirmaron que o suposto autor do disparo xa está “plenamente identificado”, pero atópase de momento en paradoiro descoñecido, malia que se estableceu un amplo operativo de procura.
Mentres, a Policía Nacional mantén despregado un amplo operativo de seguridade na cidade de Lugo, tamén nas inmediacións do HULA, para evitar novos incidentes entre ambas as familias, postas a mal desde hai tempo.
Ese dispositivo de seguridade estendeuse mesmo a outras localidades da provincia de Lugo onde residen membros de ambos os clans.