As vítimas do hostaleiro de Padrón condenado por agresión sexual respiran aliviadas ao saber que xa está en prisión
As vítimas do hostaleiro de Padrón condenado por agresión sexual respiran aliviadas ao saber que xa está en prisión
Nuria e Victoria relatan como pasaron por unha condena social que recibiron nunha vila onde vivían e traballaban, e que tamén sufriron as súas familias
As dúas mulleres vítimas do hostaleiro de Padrón condenado por delitos de agresión sexual respiran máis tranquilas ao saber que o home xa está en prisión. Ingresou este luns, para cumprir a pena que lle foi imposta. Agradecen o apoio das súas familia e queren deixar atrás o inferno que pasaron estes últimos anos, non só polas agresións sufridas, senón tamén polo rexeitamento social que tiveron que soportar.
Nuria e Victoria queren pasar páxina e deixar atrás o inferno que viviron nos últimos anos. O seu agresor ingresou este luns no cárcere para cumprir a pena de 23 anos de prisión á que foi condenado.
"Polo menos poder xa respirar e dicir mira, aínda que non se esquece, poder ir para adiante", di Victoria.
Foi un proceso xudicial longo. 6 anos que remataban este luns, despois de que se lle denegara a prórroga que solicitou e excedera o prazo de ingreso no cárcere.
"Seis anos nos que se xerou moitísima incerteza para as vítimas, e sobre todo a sensación de non se facía xustiza, ata que realmente esta persoa acabou por ingresar en prisión", di a avogada de Victoria e Nuria, Noemí Martínez.
Non só pasaron un inferno polas agresións sufridas, senón tamén pola condena social que recibiron nunha vila onde vivían e traballaban. E máis aló, o acoso que tiveron que soportar as súas familias.
"Ademais, que se meteran comigo dáme igual, porque eu sei a verdade", di Victoria. "A xustiza fixo xustiza, a eles bastante pasaron, por favor que os deixen en paz".
Unhas familias que sempre estiveron aí, apoiándoas e que teñen toda a súa gratitude.
Agora xa non agochan as súas caras e queren amosar o seu apoio e axuda a quen estea pasando por unha situación similar