Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden prisión para unha luguesa por quedarse con 97.000 euros da herdanza do seu fillo

Piden prisión para unha luguesa por quedarse con 97.000 euros da herdanza do seu fillo

A nai do menor, que tiña 8 anos no momento dos feitos, asumiu a administración dos bens ao morrer o pai sen testamento

Tiña o cativo "nunha casa con humidade, ratas, sucidade, e non se atendía á súa alimentación diaria"

A muller, que mesmo usou os cartos para unha cirurxía estética en Turquía, enfróntase a tres anos e medio de cárcere

Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Lugo (TVG) Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Lugo (TVG)
G24.gal 24/03/2026 22:08

 A Audiencia Provincial de Lugo suspendeu este martes o xuízo contra unha nai que está acusada de gastarse todo o diñeiro que herdou o seu fillo, menor de idade, ao falecer o pai sen testamento. A suspensión foi motivada polo acordo de todas as partes de devolver o caso ao xulgado do Penal, onde está pendente de resolución xudicial.

A muller enfróntase a tres anos e medio de cárcere polos delitos de administración desleal e de abandono da familia. E ademais da Fiscalía, presentaron denuncia particular os familiares do falecido, quen reclama a devolución do diñeiro, que ascende a 97.274 euros.

Os feitos remóntanse a 2019, cando a nai do menor, de 8 anos de idade, asumiu a administración dos bens ao morrer o pai sen testamento. Esta está acusada de desatender as necesidades básicas do neno tras o seu traslado desde Vilalba a Ribadeo, onde vivía "nunha casa con humidade, ratas, sucidade e non se atendía á súa alimentación diaria".

Finalmente, o equipo técnico do Menor da Xunta fíxose cargo do neno ao ser declarado en situación de desamparo con carácter de urxencia e outorgou a custodia do mesmo á avoa tres anos despois, en 2022.

A muller está acusada de, durante ese tempo, utilizar o diñeiro da conta, que ascendía á cantidade que se lle reclama, para diversos pagos e transferencias bancarias.

Usou os cartos para unha cirurxía estética en Turquía

Segundo as acusacións particulares, a cargo do propio menor, a súa avoa e o seu tío, parte dese diñeiro utilizouse, entre outras cuestións, para unha operación de cirurxía estética en Turquía.

En total, na conta quedaron 131 euros, aínda que se recoñece que a muller padecía no momento dos feitos un trastorno ansioso-depresivo que non afectaba as súas facultades; as reclamacións seguen vivas. Pola súa banda, a defensa fala de inexactitudes no discurso da acusación e pide a absolución.

Finalmente, por unha cuestión técnica, o xuízo quedou suspendido, atendendo a que o Penal é o órgano indicado para ofrecer unha sentenza sobre o mesmo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade