Desconvocan a folga de médicos de atención primaria: Sanidade e O'Mega chegan a acordo
Entre os puntos recollidos no acordo está a limitación da axenda a 30 pacientes por profesional e a modificación do aplicativo para Puntos de Atención Continuada (PAC)
A administración comprométese a sacar no segundo trimestre de 2026 o acordo de voluntariedade para a realización de gardas en atención primaria de maneira incentivada
Esta folga, segundo datos facilitados pola Consellería de Sanidade, suspendeu desde o seu inicio case 70.000 consultas
Concentración de médicos de Atención Primaria no centro de saúde da praza de Ferrol, nunha xornada de folga, en Lugo (EFE/Eliseo Trigo)
O sindicato O'Mega e a Consellería de Sanidade chegaron a un acordo este martes polo que a central sindical accede a desconvocar a folga de médicos en marcha desde hai máis de dúas semanas en atención primaria.
Representantes de ambas as partes levan reunidos desde primeira hora desta tarde tras un encontro previo esta mañá e outro xa este luns, todos estes sen acordo.
Así, e tras unhas seis horas de reunión, o departamento sanitario e a central sindical alcanzaron un acordo, tal e como confirmaron fontes do sindicato.
Entre os puntos recollidos no acordo de desconvocatoria de folga, ao que tivo acceso Europa Press, está a limitación da axenda a 30 pacientes por profesional e a modificación do aplicativo para Puntos de Atención Continuada (PAC).
Tamén a redución do intervalo entre a xornada ordinaria e a obtención da complementaria, agora en 160 horas. Acordaron que pase este ano a 140 horas -- agora é de 160 --, a 130 en 2027, e a 122 en 2028.
Así mesmo, a administración comprométese a sacar no segundo trimestre de 2026 o acordo de voluntariedade para a realización de gardas en atención primaria de maneira incentivada, incluíndo a planificación de creación de novas prazas PAC.
Avanzarán tamén na implantación de mediads de desburocratización e reorganización funcional dos equipos, co que se favoreza unha distribución máis eficiente das tarefas no marco das competencias profesionais.
Case 70.000 consultas suspendidas
Esta folga, segundo datos facilitados pola Consellería, suspendeu desde o seu inicio máis de 69.182 consultas.
O departamento sanitario galego afronta agora un paro convocado pola CIG, tamén en atención primaria, para este próximo 26 de marzo. Unha folga que, "de non haber resposta por parte de Sanidade", repetirase en dúas xornadas do mes de abril.