Médicos de 94 centros de saúde terán menos carga burocrática dende este luns
Entra en funcionamento a unidade administrativa de apoio ao persoal médico de atención primaria
Un equipo técnico vai renovar receitas crónicas e activar medicamentos non demorables nos centros con sobrecarga
A unidade técnica administrativa de apoio á atención primaria comezará a operar este luns, en remoto, dende o Hospital de Conxo, en Santiago de Compostela.
Trátase dun equipo conformado por 24 licenciados en Medicina e Cirurxía sen especialidade que, nun futuro próximo, se ampliará a 50 efectivos.
A Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, explicou, na Radio Galega, que a semana pasada se completou a dotación tecnolóxica coa que operarán estes profesionais que son profesionais que estan a preparar o MIR ou que acceden a estes postos por motivos de conciliación e a través dunha lista de contratación.
Na entrevista dos domingos, López Linares destacou que, coa creación desta unidade especializada, a Xunta busca descargar de trámites burocráticos aos médicos de familia para que poidan dedicar máis tempo á atención clínica.
"Dentro das súas funcións, e sempre baixo protocolos e circuitos normalizados, irán asumindo a tramitación e a resolución de incidencias relacionadas cos procesos administrativos co obxecto de liberar tempo clínico dos médicos de familia e de descargalos desas tarefas de pouco valor".
A responsable de Planificación Sanitaria da Xunta indicou que estes profesionais poderán renovar tratamentos crónicos prescritos polos médicos de cabeceira ou polos facultativos hospitalarios.
"Ás veces os pacientes saen de urxencias ou de consultas externas hospitalarias con informes de prescripción sobre o que teñen que tomar que están ben claros pero que, por problemas tecnolóxicos ou por outras causas, non aparecen na farmacia. Que facemos, mándamolos outra vez ao hospital? A mellor solución é que o fagan estes licenciados en Medicina e Cirurxía na unidade de apoio técnico administrativo".
Sofía López Linares engadiu que tamén poderán renovar, de xeito excepcional, medicación non demorable naqueles casos nos que os tratamentos non estean activos.
"Por exemplo, un doente diabético que leva máis de dez anos coa mesma insulina e que non dispón de receitas nin de citas no seu centro de saúde... Para ese paciente a mellor solución é que o faga esta unidade administrativa para non forzar citas e para non poñer en risco a súa saúde".
A Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria indicou que os médicos da unidade técnica administrativa tamén poderán tramitar o recambio de material ortoprotésico, como cadeiras de rodas ou adaptadores, e realizar trámites relativos ao transporte non urxente para acudir a consultas externas.
Sofía López Linares avanzou que que estes profesionais irán sumando máis funcións de xeito gradural como a realización de "informes de carácter prioritario ou outras actividades que non impliquen a atención sanitaria dos pacientes e sempre que exista información médica suficiente na súa historia clínica".
Ademais, suliñou, "contactarán telefonicamente cos doentes e cos seus coidadores para aclarar dúbidas".
Centros habilitados
A Directora Xeral de Planificación Sanitaria explicou que, a partir deste luns, 94 centros de saúde das sete áreas sanitarias contarán coa asistencia desta unidade técnica administrativa. Os centros afectados escolleránse en función da sobrecarga administrativa de cada momento.
"Isto aplicaráse dunha forma dinámica tanto en incorporación como en exclusión dacordo cuns criterios claros que poden ser: sobrecarga técnica administrativa dese centro, ausencia longa dalgún facultativo por unha baixa ou por outras causas... Agora mesmo empezaremos por 94 centros de saúde repartidos polas distintas áreas pero a inclusión atende, fundamentalmente, a criterios de eficacia e eficiencia".
Sofía López Linares explicou, na Radio Galega, que os pacientes non terán que facer nada e que serán os administrativos dos centros de saúde os que xestionen as citacións coa unidade técnica administrativa.
"O paciente o único que notará é que se lle facilitará a necesidade que ten nese momento porque sempre se resolverá no propio centro de saúde".
A Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria asegura que con esta unidade liberaráse aos médicos de tarefas administrativas que foron acumulando nos últimos anos e que lles restan tempo de consulta.
Segundo explicou, todos os foros profesionais, as sociedades científicas, os colexios profesionais e o consello técnico de Atención Primaria solicitaron, de maneira reiterada, a necesidade de diminuir a burocracia.