Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Sergas reforza a vacinación de maiores e nenos na nova campaña da gripe

O Sergas reforza a vacinación de maiores e nenos na nova campaña da gripe

A Xunta adquiriu 825.000 doses da vacina, que se comezará a poñer o 28 de setembro, comezando polas residencias

As persoas de máis de 65 recibirán a vacina de alta carga e os nenos de ata 11 anos, a intranasal

G24.gal 18/09/2026 13:44 Última actualización 18/09/2026 14:27

A Xunta reforzará a protección de persoas maiores e de nenos na nova campaña da gripe, cuxa primeira fase de vacinación comezará o luns 28 de setembro nas residencias e concluirá o próximo 31 de decembro.

Deste xeito, a previsión é que este ano as persoas a partir de 65 anos reciban a vacina de alta carga -na anterior campaña era a partir dos 70 anos- e que se amplíe en 20 centros escolares -ata os 75- e en 7.500 nenos, ata os 26.500 potenciais, os alumnos de centros educativos ata 11 anos que poderán recibir a vacina intranasal.

Despois do 28 de setembro, a seguinte data importante no calendario desta campaña será o 13 de outubro, cando comezará a inmunización infantil tanto nos centros de saúde como nos centros educativos que participen no programa piloto.

Na campaña do ano pasado, primeira na que se vacinou nos colexios, foron 9.668 os nenos de ata 11 anos que recibiron unha dose, o que supuxo unha taxa de cobertura do 51 %, similar á alcanzada nos centros de saúde.

Para seren vacinadas, as persoas dos grupos diana irán recibindo unha SMS, ata en dúas ocasións, e tamén poderán ser repescadas mediante chamada telefónica.

As autoridades sanitarias galegas fixan como un dos obxectivos para esta campaña aumentar a porcentaxe de persoas vacinadas entre as mulleres embarazadas e o persoal sanitario.

Son algúns dos detalles da campaña deste ano que presentaron este venres o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Xunto a estas novidades, as persoas serán citadas en base á cota de enfermería e non médico, o que prevé axilizar a xestión, defenderon, nunha campaña para a que a Xunta adquiriu 825.000 doses.

Caamaño incidiu no alto porcentaxe de vacinación que hai en Galicia, máis elevado que a media de España na maioría de grupos diana -excepto o de mulleres embarazadas, 11 puntos menos que a media- con diferenzas favorables á comunidade autónoma de entre 10 e 20 puntos.

Respecto á vacinación fronte á covid, a pesar de que as porcentaxes foron baixando en toda España, en Galicia a media sitúase no 67 % de vacinados a partir de 80 anos polo 54 % de media no conxunto de España.

E no grupo de idade entre 70 e 79 anos a media en Galicia foi do 52 % fronte ao 38 % de media do estado, explicou a doutora Durán.

Tamén se vacinará, como os últimos anos, contra o VRS, o virus que causa a bronquiolite, aos acabados de nacer e aos que o fixesen ata seis meses antes desde o inicio da campaña.

Na campaña anterior inmunizáronse 13.075 nenos, o 95 % dos nados, o que foi acompañado -como en anos anteriores- dunha diminución "abismal" de consultas e ingresos por este motivo en comparación co ano 2022, cando os nenos non se vacinaban contra o VRS. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade