Galicia inicia a vacinación fronte ao VPH de homes de ata 25 anos
Amplíase deste xeito un programa que na actualidade cobre os menores de 21 anos; desta forma incluirá todos os homes nados a partir do ano 2001
Consistirá nunha única dose
Imaxe de arquivo
A Xunta de Galicia iniciará este luns, 25 de maio, a campaña de vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) para homes de ata 25 de idade.
Amplíase deste xeito un programa que na actualidade cobre aos menores de 21 anos e que, desta forma, incluirá todos os homes nados a partir do ano 2001, o que permitirá unhas 21.000 vacinas máis.
A pauta de vacinación, indica o Executivo autonómico, consistirá nunha única dose, o que simplifica o proceso de inmunización, cuxa extensión terá un custo aproximado próximo ao millón de euros.
Desde 2008, as mulleres galegas son vacinadas de forma sistemática contra o VPH e, a partir de 2022, o proceso de inmunización estendeuse aos homes de doce ou menos anos, para logo irse ampliando paulatinamente a outros grupos de idade.
As persoas que desexen vacinarse contra o virus poderán solicitar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou mediante unha chamada ao seu centro de saúde de referencia.
O virus do papiloma humano (VPH) é a infección de transmisión sexual máis común a nivel mundial. A maioría das veces a infección resólvese soa pero, se permanece, é un colaborador imprescindible para o desenvolvemento de cancro de colo de útero, vulva, vaxina, ano, pene, orofaringe e boca en homes ou mulleres.
Co obxectivo de reducir a circulación do virus entre a poboación galega, o Executivo galego destina unha partida de 982.827 euros para vacinar a ao redor de 21.000 homes nados entre os anos 2001 e 2003.
GALICIA.-Arrinca a vacinación fronte ao virus do papiloma humano aos homes de ata 25 anos