Publicador de contidos

Publicador de contidos

Declara nos xulgados de Mondoñedo o autor confeso do crime de Abadín

Declara nos xulgados de Mondoñedo o autor confeso do crime de Abadín

A instrutora do caso decidirá se ingresa en prisión provisional Javier Montero, que actualmente cumpre en Bonxe unha condena por roubo

Momento en que o homicida confeso é conducido ante a xuíza (Carlos Castro/Europa Press)
Félix Aragunde 20/04/2026 13:55

O autor confeso da morte de Enrique Bolívar Díaz Pardo volveu prestar declaración ante a xuíza instrutora do caso. Entre fortes medidas de seguridade, Javier Montero foi conducido ata os xulgados de Mondoñedo dende o cárcere de Bonxe, onde cumpre condena por roubo.

Este novo interrogatorio prodúcese tres días despois de seren localizados nun piñeiral da parroquia de Quende, en Abadín, uns restos óseos que, con carácter provisional, coinciden co ADN do octoxenario desaparecido hai case tres anos. O principal sospeitoso dixo que soterrara o seu corpo nese lugar tras un atropelo accidental que acabou coa súa vida. Segundo a avogada da familia da vítima, os seus achegados desconfían desta versión dos feitos.

"A familia pensa que isto accidental non foi. Entón  hai que escoitalo a el, ver que nos conta e despois empezar a practicar proba e ver. Tivemos estes días un movemento moi importante, e a familia estao levando como boamente pode. O achado dos restos en certo modo dálles calma, pero tamén queren comprender como realmente apareceron aí eses ósos. Moita dor, estes días", sinala Paula Salvador, avogada da acusación particular

Dende a familia da vítima consideran que o homicida confeso só pretende rebaixar a condena co seu relato do acontecido. Algo ao que contribúe o feito de que queimase o seu coche tres horas despois da desaparición do ancián en setembro de 2023. Agora, a xuíza que leva o caso deberá decidir se decreta a prisión provisional para o investigado, tal como solicita a letrada da acusación particular.

"Hai risco de fuga, simplemente polo tipo delitivo, e ademais o investigado está acostumado a vivir fóra. Entendemos que hai un risco de fuga evidente, e por iso imos pedir a prisión", engade Paula Salvador. 

Actualmente, o autor confeso do homicidio encóntrase a piques de abandonar o centro penitenciario de Outeiro de Rei.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade