Os trámites e un fallo informático complican o inicio da regularización de migrantes
As xestións atrásanse horas no primeiro día de presentación presencial de solicitudes
A maioría dos aspirantes quere os papeis para poder acceder a un traballo digno
Chegou o día, para moitos despois de anos de espera. As oficinas de Correos empezaron recoller este luns a documentación das persoas migrantes que queren acollerse á regularización extraordinaria da súa situación legal en España.
Os aspirantes deben pedir cita previa, que se marcaban cada vinte minutos, pero en moitos casos o trámite leve moito máis tempo. Os interesados teñen que acreditar, entroutras cousas, que están en territorio español dende antes do 1 de xaneiro de 2026 e que levan aquí un mínimo de cinco meses ininterrumpidos. Tamén que non contan con antecedentes penais. A xente acode a Correos cargada de documentos.
"Trouxemos o pasaporte, o pago da taxa, o padrón...", empeza a relatar Isadora Oliveira, unha brasileira que leva nove meses en España mentres segue sacando impresos dunha carpeta.
Un fallo técnico complicou o primeiro día de atención presencial. O sistema informático de Correos caeu a media mañá e algúns migrantes tiveron que empezar dende cero a entrega da documentación.
Á maioría agardar un pouco máis non lles supón demasiado. Algúns levan anos en situación ilegal en España e buscan a regularización, sobre todo, para poder acceder a un traballo en condicións dignas e cobertura da Seguridade Social.
"Queremos transmitir tranquilidade. Non fai falla presenza policial nin vai haber ningún problema, somos persoas civilizadas", asegura Patricia Iglesias, delegada de CSIF en Correos na provincia de Pontevedra.
"Son os primeiros días e temos que ter paciencia", di a colombiana Carolina Zapata, que xa leva oito anos en Galicia e quere regularizar a situación da súa filla pequena.
"Eu quero traballar porque teño unha nena de cinco anos e o que me importa é traballar para ela", afirma Nicolás Mesa, un colombiano que vive dende hai dous anos en España sen os papeis en regra.
"Eu xa levo tres ano ilegal aquí e só puiden traballar en negro ou facer cousa pequenas", completa o brasileiro Pedro Feitosa.
A admisión a trámite das solicitudes habilita automaticamente para residir e traballar en territorio español. Logo, os aspirantes deben confirmar o permiso.
"Cada caso é un mundo, no meu soliciteino tres veces xa e por cambios na lei non se puido concretar", engade Diana, unha moza venezolana que chegou á oficina de Correos ás sete e media da mañá coa súa filla, de seis meses, no colo.
As solicitudes poden presentarse ata o trinta de xuño. Tamén se poden rexistrar por Internet.