Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez pediralle o martes á UE rachar o acordo de asociación con Israel

Sánchez pediralle o martes á UE rachar o acordo de asociación con Israel

Asegura que o Goberno que "viola o dereito internacional" non pode ser "socio da Unión Europea"

O presidente do Goberno censura a hipocrisía do PP co proceso de regularización de persoas migrantes

O Goberno de Netanyahu carga contra Sánchez e acúsado de ter unha "letura hipócrita"

 

Pedro Sánchez este domingo en Gibraleón. EFE/Alberto Díaz.
G24.gal 19/04/2026 12:52 Última actualización 19/04/2026 17:36

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que España vai propoñer este martes en Bruxelas a ruptura do acordo de asociación da UE con Israel ante "as violacións de dereitos humanos" do Goberno de Benjamin Netanyahu.

"Aquel Goberno que viola o dereito internacional e, polo tanto, viola os principios e valores da Unión Europea, non pode ser socio da Unión Europea. É así de simple, así de sinxelo", subliñou.

O mandatario chamou todos os ministro de Asuntos Exteriores europeos que van participar na xuntanza do martes, para analizar a guerra en Oriente Próximo, a apoiar a proposta española.

Nun mitin da precampaña andaluza en Gibraleón (Huelva), volveu reivindicar o seu "non" a unha guerra "ilegal", que supón un "inmenso erro" e que está a custar millleiros de vidas, millóns de desprazamentos forzosos e billóns de euros en perdas económicas.

"Por iso eu pídolles aos que iniciaron esta guerra, que paren esta guerra e que lle paren os pés a Netanyahu", recalcou.

Desde a tribuna de oradores, quixo deixar claro que España é un "pobo amigo" de Israel, pero insistiu en que iso non implica compartir un "atropelo" do dereito internacional que se está a traducir en sufrimento, dor e morte.

A resposta non se deixou agardar. O ministro de Exteriores israelí, Gideon Saar, volveu cargar contra o presidente do Goberno nunha mensaxe na súa conta da rede social X.

"Non aceptaremos unha lectura hipócrita de alguén que ten unha relación con réximes totalitarios que violan os dereitos humanos como a Turquía de Erdogán e a Venezuela de Maduro. Un Goberno que recibe agradecementos do réxime brutal de Irán e organizacións terroristas, e que se dedicou a difundir antisemitismo", afirmou.

O presidente do Goberno con María Jesús Montero no mitin. EFE/Alberto Díaz.

Regularización da poboación migrante

O xefe do Executivo tamén denunciou este domingo a "hipocrisía" do PP, que apoiou no seu día a regularización de persoas migrantes e agora rexéitaa.

"É unha mostra de hipocrisía. Aínda que non nos debe sorprender. Non nos sorprende porque un partido que se financiou en B o que quere son traballadores que cobren en B", asegurou.

Sánchez defendeu a regularización extraordinaria da poboación migrante posta en marcha polo seu Goberno como un acto de reivindicación histórica, coherencia, compromiso e xustiza.

Lembrou que foi unha iniciativa lexistaliva popular que contou con 600.000 sinaturas e admitiron a trámite máis de 300 membros da Cámara Baixa.

Do mesmo xeito, subliñou que este recoñecemento dos dereitos das persoas que "contribúen á prosperidade do noso país" conta co apoio da patronal, dos sindicatos, da Conferencia Episcopal e do Vaticano.

"España é e foi filla de emigrantes e non vai ser pai nin nai de xenofobia nin de discursos racistas, como os que está practicando o PP e Vox".

O presidente do Goberno fai unha foto con simpatizantes. EFE/Alberto Díaz. O presidente do Goberno fai unha foto con simpatizantes. EFE/Alberto Díaz.

Apoio a Montero

Ademais como secretario xeral do PSOE, pediu o voto para que María Jesús Montero, a súa exvicepresidenta, goberne Andalucía cunha esquerda que "non finca o xeonllo ante as elites", senón que as pon "no seu sitio".

Nesta liña, criticou que o PP e Vox se poñan de "perfil" ante unha guerra "ilegal" e rexeiten as medidas para apoiar a cidadanía ante os seus efectos.

"A realidade é que non son patriotas, son uns vendepatrias".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade