O PSOE, sen "ningún medo" a unha hipotética imputación do partido
A dirección socialista aínda non presentou a querela contra a exmilitante que lle esixen moitos cargos orgánicos
Leire Díez viuse ata en dúas ocasións na Fiscalía coa "man dereita" do exfiscal xeral, García Ortiz
Nin preocupación, nin medo. Os socialistas non se ven imputados polos papeis de Leire Díez e tratan de desacreditar as anotacións da súa axenda. Pero as últimas apuntan que se se viu ata en dúas ocasións na Fiscalia Xeral do Estado con Diego Villafañe, a man dereita do exfiscal xeral García Ortiz. Fontes da contorna do caso sosteñen que pretenderon denunciar posibles delitos en causas xudicializadas e que non presionaron contra o fiscal Grinda, a UCO, nin buscaron acordos para acusados. Fontes fiscais non confirman de momento os encontros pero recalcan que son habituais as reunións con denunciantes de delitos e lembran que ningún dos obxectivos da suposta trama se cumpriu.
O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz solicitou á Fiscalía Xeral do Estado toda a información relativa ás reunións que puideron manter na súa sede Leire Díez e outras persoas imputadas na trama. O maxistrado reclama coñecer as datas, horas e integrantes de todos os encontros celebrados entre abril de 2024 e xuño de 2025.
A exmilitante socialista Leire Díez denunciou que varias dos cadernos e axendas que comisou a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil non son súas, e que outras, aínda que lle pertencen, exceden o período temporal no que defende que se centra a investigación na súa contra (2021-2023).
A UCO considera probado que o PSOE lle pagaba as viaxes en tren, avión e mesmo o alugueiro de coches. Constataron unha viaxe de Bilbao a Madrid ou outra a Zaragoza. Leire pedíalle directamente a unha secretaria de Ferraz que mercase os billetes. A presión dos dirixentes sociaslistas para que Ferraz lle presente unha querela vai a máis, pero de momento iso non se produciu. No PP pregúntanse como é posible que sigan renegando dela.