Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso aproba o traspaso da AP-9 a Galicia co texto pactado entre PSOE, Sumar e BNG

O Congreso aproba o traspaso da AP-9 a Galicia co texto pactado entre PSOE, Sumar e BNG

Foron rexeitadas as emendas introducidas polo PP no Senado

O grupo popular rexeitou unha transferencia que -asegura- traerá cargas futuras "incertas" que poden chegar aos 4.000 millóns de euros

PSOE e BNG pídenlle ao PP que non caia na tentación de bloquear a lei e que "non engane á cidadanía" 

Para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o traspaso da AP-9 tal e como se aprobou "é inaceptable"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegura que se "cumpre cunha demanda histórica"

 

Peaxe da AP-9. Audasa Peaxe da AP-9. Audasa
G24.gal 23/07/2026 17:03

O pleno do Congreso rexeitou este xoves as emendas introducidas polo PP no Senado á lei orgánica de transferencia da autoestrada AP-9 do Estado a Galicia, polo que definitivamente queda aprobado o texto que pactaron o PSOE, Sumar e o BNG.

O PP quedouse case só na votación, unicamente apoiado polo deputado de UPN, Alberto Catalán, en defensa das emendas introducidas no Senado, mentres que o resto de grupos, incluído VOX, votaron en contra, o que supoñía automaticamente recuperar o texto que o Congreso enviou á Cámara Alta.

No debate deste xoves, o PSOE e o BNG pediron ao PP que non caia na tentación de bloquear a lei finalmente aprobada na Comisión mixta Estado-Galicia á que o texto remite o traspaso, algo ao que o PP, sen confirmalo literalmente, respondeu que a Xunta "non debe nin pode" aceptar os termos nos que quedou redactada a transferencia.

Transferencia da AP-9 "sen trampas nin cartón", di o PP 

O popular Celso Delgado afirmou que o que pide Galicia é unha transferencia da AP-9 "sen trampas nin cartón", "sen riscos ocultos" e "sen poñer en risco as contas da comunidade" e, facendo súa a expresión que o domingo usou o ministro de Facenda, Arcadi España, precisou: "queremos ese lacito que si se lle poñen ás competencias que se piden desde Cataluña ou desde o País Vasco".

Delgado advertiu de que Galicia asumiría unha transferencia cunhas cargas futuras "incertas" que poden chegar aos 4.000 millóns de euros, algo que negaron os portavoces neste debate das tres formacións de esquerda que pactaron o texto finalmente aprobado.

Os socialistas acusan aos populares de enganar á cidadanía 

A socialista Mercedes Otero acusou ao PP e ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de estar "a enganar" con afirmacións como esa a a cidadanía galega, porque no seu texto "queda moi claro" tanto a repartición de competencias como as responsabilidades".

Otero preguntou na súa intervención se o "seguinte bloqueo" do PP a esta lei será na Comisión mixta de transferencias, se "se van a negar a sentarse a falar co Estado" e "van incumprir esta lei orgánica de transferencias", e recomendou aos populares "que deixen as rabechas, que deixen de ser lloricas e compórtense como persoas adultas".

O Bloque di que o PP esgrime "pretextos falsos" porque non quere a transferencia 

O mesmo dixo temer o deputado do BNG, Néstor Rego, que tras acusar ao PP de esgrimir "pretextos falsos" porque "sinxelamente non quere esta transferencia", dixo esperar "que non teñan a tentación de bloquear despois de forma permanente a negociación na Comisión mixta de trasferencias".

Manuel Lago, de Sumar, dixo na súa quenda que no texto pactado pola esquerda "non hai trampa nin cartón, é directamente a transferencia da AP-9", e acusou ao PP de utilizar a Xunta para confrontar co Goberno central, "aínda que os prezos que haxa que pagar sexan os de Galicia e o pobo galego".

Pola súa banda, a deputada de Vox Carina Mejías apuntou que este é "o enésimo debate dun despropósito absoluto" e cargou tanto contra o PSOE e o BNG -ignorou a Sumar-, "que quixeron o titular no Congreso", como contra o PP, que "quere agora o titular do Senado".

No debate interveu tamén o representante de Junts Isidre Gavín, non para falar desta lei senón do "fracaso total e absoluto da política de transportes" do Gobierno central na súa comunidade, ao que acusou de manter unha "asfixia premeditada" e un "trato colonial cara a Cataluña".

O traspaso "pode supoñer miles de millóns de euros a Galicia", segundo Alfonso Rueda 

O presidente da Xunta advertiu que o traspaso da AP-9 tal como se aprobou no Congreso "pode supoñer miles de millóns de euros", polo que considera que é inaceptable.

Nun acto en Cee este xoves, Rueda lembrou que "había un acordo unánime" do Parlamento de Galicia co que "se garantía" que "Galicia non tivese que pagar nada porque viña cos recursos económicos necesarios".  Engadiu que nesas condicións "Galicia non pode aceptar esa transferencia".

Besteiro di que "a pesar de Rueda" cúmprese coa demanda histórica dunha AP-9 "galega"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou este xoves que se cumpriu cunha "demanda histórica" pero "a pesar de Rueda".

Nun comunicado, o tamén portavoz do Grupo Parlamentario Socialista valorou desde Buenos Aires esta noticia e dixo que a partir de agora tócalle á comisión bilateral precisar os termos nos que se materializa, polo que emprazou ao presidente da Xunta a sentarse a negociar co Estado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade