Intervidas case catro toneladas de produtos fitosanitarios en Santa Comba
A nave, situada no centro urbano da vila, operaba de xeito ilegal, xa que carecía das autorizacións administrativas necesarias para desenvolver a activiade de almacenamento deste tipo de produtos
Garda Civil/Ministerio do Interior
Efectivos da Garda Civil da Unidade de Seprona de Corcubión e da Uprona da Coruña, nun servizo coordinado con inspectores de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia, procederon á intervención de 3.981 quilos de produtos fitosanitarios no municipio de Santa Comba.
A Garda Civil informou este mércores de que a actuación se encadra nos dispositivos de control sobre a comercialización e almacenamento de substancias químicas empregadas no sector agrario.
A intervención realizouse na mañá do 22 de abril, no marco da Orde de Servizos DOKU, cando os axentes e o persoal de inspección accederon a unha nave de almacenamento situada no centro urbano da localidade tras detectar posibles irregularidades no seu funcionamento.
Durante a inspección técnica do inmoble, púidose constatar que a instalación operaba de xeito ilegal, pois carecía das autorizacións administrativas necesarias para desenvolver a devandita actividade.
Ademais, os axentes comprobaron que o local non reunía as condicións mínimas de seguridade exixibles para gardar este tipo de produtos, xa que o almacenamento de substancias fitosanitarias require de medidas preventivas específicas e rigorosas para garantir a seguridade cidadá e a protección do medio ambiente.
Como consecuencia das deficiencias observadas, procedeuse á aprehensión dun total de 3.981 quilos de diferentes produtos fitosanitarios, unha mercancía que quedou depositada no lugar da intervención, selada e ao dispor da autoridade competente.
Tras finalizar a inspección, confeccionáronse as correspondentes denuncias administrativas polas infraccións detectadas en materia de sanidade vexetal e seguridade.
Os axentes continúan realizando xestións de análises sobre a documentación intervida para determinar a posible existencia de ilícitos penais vinculados a estes feitos.