Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno oferta máis de 6.000 prazas para as Forzas de Seguridade do Estado

O Goberno oferta máis de 6.000 prazas para as Forzas de Seguridade do Estado

Son 3.240 prazas de Garda Civil e 2.854 de Policía Nacional

Interior di que é a maior oferta pública dos últimos 15 anos cunha achega total de 273 millóns de euros 

Imaxe do Día da Policía celebrado en Vigo. Ministerio do Interior. Imaxe do Día da Policía celebrado en Vigo. Ministerio do Interior.
G24.gal 10/03/2026 16:15

O Consello de Ministros aprobou este martes a oferta de 6.094 prazas para ampliar o persoal das Forzas de Seguridade do Estado este 2026, en concreto, 3.240 para a Garda Civil e 2.854 para Policía Nacional.

Segundo explica o Ministerio do Interior nun comunicado, a estas cifras hai que engadir 81 prazas de oficiais, aprobadas hai unha semana dentro da oferta de emprego público para as Forzas Armadas neste exercicio.

Taxa de reposición do 125 %

Interior di que se trata da maior oferta pública dos últimos quince anos, cunha taxa de reposición que alcanza o 125%, o que permite, segundo engade, non só cubrir as baixas que se rexistraron durante o exercicio anterior, senón recuperar tamén a perda de efectivos que se produciu no período 2011-2017.

Policía Nacional 

No caso da Policía Nacional, a convocatoria de emprego público aprobada este martes inclúe 150 novas prazas na Escala Executiva e 2.704 prazas na Escala Básica. Destas, resérvanse 541 a militares profesionais de tropa e mariñeiría que leven, polo menos, cinco anos de servizos e, en caso de non cubrirse, acumularanse á oferta libre.

Ademais, a convocatoria inclúe outras 225 prazas na Escala Executiva da Policía Nacional ás que poderá accederse só mediante promoción interna desde a categoría de subinspector do corpo.

Para afrontar esta oferta de emprego público, Interior destinará uns 130 millóns de euros, dos cales ao redor de 119 corresponden ao custo das 2.704 novas prazas da Escala Básica, uns 9,5 millóns financiarán as 150 prazas da Escala Executiva e outros 1,5 millóns cubrirán o custo das 225 de promoción interna.

Garda Civil 

En canto á Garda Civil, a oferta pública de emprego para ingreso directo na Escala de Cabos e Gardas este 2026 ascende a 3.240 prazas, das que 1.296 están reservadas a militares profesionais de tropa e mariñeiría e outras 240 para os alumnos do Colexio de Gardas Novos.

En ambos os casos, as que non se cubran por calquera motivo acumularanse á cota de prazas da quenda de acceso libre.

En canto á promoción profesional na Garda Civil, a convocatoria autoriza a oferta de 522 prazas: 122 na Escala de Oficiais, das cales 96 resérvanse para a modalidade de promoción interna e 26 para a modalidade de cambio de Escala e 400 prazas na Escala de Suboficiais mediante promoción interna.

O financiamento desta oferta pública de emprego ascende a uns 143 millóns de euros: 138 millóns para as 3.240 prazas de ingreso directo na Escala de Cabos e Gardas, e o resto para as prazas de acceso a través da promoción interna, 2,5 millóns para as 400 prazas da Escala de Suboficiais e outros 2.5 millóns para as 122 prazas da Escala de Oficiais.

Interior reitera que desde que en 2018 Fernando Grande-Marlaska asumiu a carteira de Interior convocáronse un total de 46.706 novas prazas, 24.314 para Policía Nacional e 22.392 para a Garda Civil, o que permitiu aumentar o persoal de ambos os corpos ao redor dun 20 por cento de media ata alcanzar, en conxunto, os 183.150 efectivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade