Catro feridos, dous deles menores, ao bater co coche contra un muro en Castrelo do Val
Trátase dunha parella e os seus dous fillos menores de idade, segundo os bombeiros
Arquivo
Catro persoas, dúas delas menores, resultaron feridas na tarde deste domingo ao saírse da vía co vehículo no que viaxaban e chocar contra un muro en Castrelo do Val (Ourense).
Segundo o 112 Galicia, os feitos ocorreron pasadas as 19:30 horas. Un particular alertou os servizos de emerxencia despois de que un coche se saíra da vía na OU-114, á altura de Gondulfes, e impactara contra o muro dunha casa.
Ata o lugar trasladáronse efectivos do 061, Bombeiros de Verín, o GES de Laza e a Garda Civil de Tráfico.
Os bombeiros confirmaron que se trataba dunha familia de catro persoas: nai, pai e dous fillos menores. Todos foron trasladados por Urxencias Sanitarias e foron atendidos por persoal médico.