Unha vivenda calcinada e un veciño ferido por un incendio en Riós
Un voraz incendio calcinou esta mañá unha vivenda do concello ourensán de Riós e ameazou outras dúas
Un mozo resultou ferido ao rescatar unha muller centenaria da vivenda lindeira
Pablo Fernández, veciño de San Cristovo (Riós) foi o primeiro en detectar o lume. Leva as mans vendadas porque se cortou ao romper unha ventá para rescatar a muller centenaria que vive na casa lindeira.
"Eu corteime nas dúas mans porque quedaron aí os cristais, pero o fundamental é que non lle pasara nada a ela", explica Pablo.
O lume arrasou coa vivenda por completo. Desde o tellado ata o chan, non se salvou nada.
"Ardeu a parte de arriba, ardeu a parte de abaixo... aí non quedou nada. Todo perdido. Nun minuto pérdese todo", sinala Ana María Rúa, nai da dona da vivenda.
Afortunadamente, a parella que ten a casa alugada non estaba aquí. A raíz dun accidente, mudáronse temporalmente a Verín e só veñen de fin de semana.
"A fin de semana estivemos aquí, deixamos todo desenchufado, como sempre, e hoxe á mañá chamáronnos que pasara isto", lamenta José Carlos Yáñez, inquilino da vivenda calcinada.
Mentres a neve caía, os bombeiros de Verín, GES da Gudiña e Protección Civil seguiron traballando no lugar, arrefriando os restos queimados para evitar reactivacións.