Publicador de contidos

Publicador de contidos

A borrasca Kristin deixa polo menos cinco mortos e centos de miles de persoas sen luz en Portugal

A borrasca Kristin deixa polo menos cinco mortos e centos de miles de persoas sen luz en Portugal

Rexistradas xa 4.183 incidencias, sendo os distritos de Setúbal, Lisboa, Leiría e Coímbra os que máis danos sufriron polo temporal

O portavoz da, ANEPC, Paulo Santos, lanzou o aviso de posibles inundacións ante as previsións dunha deterioración das condicións, con forte vento e ondada, choiva e neve

(Reuters) (Reuters)
G24.gal 28/01/2026 10:17 Última actualización 28/01/2026 23:34

A Autoridade Nacional de Emerxencia e de Protección Civil (ANEPC) de Portugal elevou este mércores a cinco o número de falecidos polo paso da borrasca Kristin polo país.

Nun comunicado, a ANEPC precisou que unha persoa morreu pola caída dunha árbore sobre un coche en Vila Franca de Xira, 35 quilómetros ao nordés de Lisboa.

Os outros tres decesos producíronse no distrito de Leiria, na Rexión do Centro: en Carvide, unha persoa foi alcanzada por unha chapa metálica e outra quedo atrapada "na estrutura dunha vivenda", mentres que unha terceira persoa foi atopada en parada cardiorrespiratoria en Fonte do Oleiro nunha obra.

O outros falecementos producíronse en Silves e na Marinha Grande.

Ata o mediodía deste mércores, a ANEPC rexistrou 4.183 incidentes, entre os que figuran caída de árbores e de infraestruturas, e inundacións en distintas partes do país. As áreas máis afectadas son as de Leiria, Lisboa, a península de Setúbal, Aveiro e Coimbra, entre outros.

O Goberno de Portugal estima que vai levar días recuperar a normalidade. Informou que case un millón de cidadáns chegaron estar sen subministración eléctrica nesta xornada, pero a media tarde esa cifra baixara xa a uns 500.000.

Aínda así, sinalou que se tratou "dun fenómeno extremo, con moitas incidencias en simultáneo", que requirirán de tempo para ser completamente solucionadas. 

Engadiu que hai "varios" bombeiros que resultaron feridos e que hai "decenas" de persoas desaloxadas.

En concreto, notificaron "incontables" caídas de árbores, danos en edificios e estradas e a caída dunha nora na localidade de Figueira da Foz. En lugares como Montalegre rexistráronse refachos de vento de 178 km/hora.

Nun comunicado, o gabinete do primeiro ministro Luís Montenegro, lamentou "profundamente" os falecementos pola borrasca e deu a súa pésame ás familias.

A ANEPC anunciou onte, martes, que elevaba "o nivel de preparación especial" dos medios operacionais ao máximo na metade norte da costa, desde Viana do Castelo ata Setúbal, ao sur de Lisboa, ante o paso da depresión Kristin.

Derrumbamento dunha árbore nun vehículo (RTP) Derrumbamento dunha árbore nun vehículo (RTP)

Así mesmo, lanzou o aviso de posibles inundacións ante as previsións dunha deterioración das condicións, con forte vento e ondada, choiva e neve.

Centos de miles de persoas sen electricidade

​​​​​Centos de miles de persoas están sen electricidade en Portugal polo temporal Kristin.

Na rexión de Leiría houbo cortes nas comunicacións telefónicas e cortes de electricidade que aínda non foron restablecidos.

"É unha situación complexa que aínda estamos a analizar, e estamos a reforzar o distrito (de Leiría) con equipos de bombeiros doutros puntos do país", aseverou Santos, que espera que esta xornada sirva para "restablecer a normalidade".

Anteriormente, Redes Eléctricas Nacionais (REN), a empresa que xestiona o transporte de electricidade e gas no país, dixo que traballa con Rede Eléctrica de España para restablecer "coa máxima urxencia" a normalidade no abastecemento.

O Goberno de Portugal afirmou no seu comunicado que seguiu de forma permanente o impacto desta borrasca, que, como se anticipou, tratouse de "un evento climático extremo", que ocasionou danos significativos en distintas partes do territorio nacional, como en infraestruturas e equipamentos.

Sinalou que as consecuencias se "minimizaron" grazas aos avisos da Protección Civil e a postura "responsable e prudente" da poboación, que lembrou que é necesario manter.

"É fundamental seguir as orientacións das autoridades e evitar a circulación nas zonas máis afectadas", indicou o Executivo, que subliñou que se desenvolven todos os esforzos posibles para restablecer a normalidade nas áreas máis impactadas no que se refire á subministración eléctrica, vías de comunicación e medios de transporte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade