Os oftalmólogos recomendan que usemos lentes homologadas para a eclipse solar
A menos de dez días para a eclipse total de Sol, os oftalmólogos advirten de que para evitar danos irreversibles é imprescindible o uso de lentes cos filtros homologados
Nalgunhas ópticas de Santiago xa remataron as existencias. Fixeron novos pedidos, que esperan ter a tempo para o día 12.
A expectación xerada en Galicia coa eclipse solar do 12 de agosto disparou a demanda de lentes homologadas. Tanto que nalgunhas ópticas de Santiago quedaron xa sen existencias.
"Están todas esgotadas, temos que facer reservas porque non temos lentes en tenda para todo o mundo. Agora xa temos como unhas corenta, cincuenta lentes xa pedidas, porque piden a cinco, seis", di o óptico Carlos Mella. "Levamos meses vendendo bastantes, lentes, de feito xa cada vez van quedando menos", asegura.
"Vimos xente que as comprou en determinados lugares, que proceden de Asia e non temos a garantía, iso si é un perigo porque non temos garantía de que esa lente poida usarse para ese fin, afirma o óptico Santiago González.
Unha advertencia en que insisten os oftalmólogos. Aseguran que observar o Sol sen a protección axeitada pode causar lesións na retina graves e irreversibles.
"Tendo en conta que a retina non ten receptores para a dor podemos estar causando danos sen ser conscientes diso". "Non se poden usar radiografías, nin pantallas, nin lentes que non estean homologadas. Telas ben colocadas e ter especial coidado cos nenos, que poden non ser do seu tamaño", conta a oftalmóloga María Gil.